Opinión

Non hai proxecto alternativo sen forza e iniciativa

Os malos datos económicos de Estados Unidos, Alemaña e China, tres potencias que tiran do tren desta economía aínda globalizada, anuncian unha caída do PIB, aínda que non sexa de igual intensidade en todas elas. Ademais non se pode ignorar que a inflación nas dúas primeiras está desbocada, e a confrontación entre potencias vai a máis, alentada por Washington. Non son poucos os/as especialistas e corporacións que falan dunha nova crise, e só debaten a súa duración. En todo caso hai máis interrogantes que son de suma importancia; concretamente: se vai afectar igual a todos os países do mundo e dentro deles ás diferentes clases sociais. 

Se temos en consideración crises anteriores, resulta evidente que comezan normalmente no centro do sistema e este traslada aos países da periferia toda ou a maior parte dos custes, e tamén no interno á clase traballadora a aos autónomos e ao sector empresarial máis débil e dependente. Daquela que, especialmente coa globalización neoliberal, malia os avances científico técnicos, aumentou a diferencia do PIB entre os países do centro e a periferia, e as condicións laborais e os salarios retrocederon, polo que, se excluímos a China, aumentou a porcentaxe de persoas que teñen dificultades pra chegar a final de mes ou están fóra do sistema. 

Neste contexto, e tendo en consideración o progresivo recuar en termos económicos e demográficos da nación galega respecto do Estado español, que son máis graves nas provincias orientais de Lugo e Ourense, as axudas do Next Generation e todo tipo de fondos adicados ao desenvolvemento e o seu reparto por autonomías deben ser seguidos e controlados de moi de preto. Polo tanto, pra alén das boas palabras, das reunión seica positivas en primeira volta, na práctica os principais proxectos que apoia a Xunta (nos medios), ou ben foron rexeitados, ou están pendentes dun estudo por parte dos organismos estatais que nunca se concreta. E o tempo pasa. 

Unha actitude que ademais choca co apoio total e sen matices que o Governo central fai respecto de propostas doutras nacionalidades e autonomías. Un trato que amosa o pouco peso que ten hoxe a Xunta en Madrid. Non será porque mantén unha actitude que se reduce a palabras, carentes de feitos que as apoien, e que convertan a Galiza nun referente a ter en consideración en todo momento?... Propostas que deberíamos coñecer no seu conxunto, e non por partes, pra podérmonos formar unha opinión do proxecto de país que propón pra o futuro.

Daquela, se en verdade se quere cambiar a situación pra levar adiante uns obxectivos que seica serían esenciais pra Galiza, máxime nesta conxuntura tan complexa e decisiva, o PP e Rueda e a súa equipa teñen que poñer máis carne no asador, e mobilizar o país, convocando a todas as forzas sociais, económicas e políticas. Non lle terán máis medo a cuestionar o sistema, e a intereses corporativos, que a perder achegas que seica son necesarias e urxentes pra evitar novos retrocesos na actividade económica, no emprego, e na cadea de valor? 

A esta altura non se pode ignorar que a nación galega non só expulsa emigrantes cualificados, senón que exporta moito máis capital do que se inviste dende o exterior, e ademais moitas das empresas máis dinámicas están hoxe en mans de corporacións foráneas. Ou sexa, que non se trata só do medre do PIB, senón tamén e fundamentalmente como se reparte na sociedade e que carácter ten o intercambio comercial e o movemento de capitais con outros territorios. De pouco vale mellorar un chisco en infraestruturas e servizos públicos, se estes avances non van acompañados dun crecemento da actividade, de procesos produtivos con alto valor engadido, e do reinvestimento dos excedentes no país. Xa que os efectos positivos serían conxunturais ou mínimos. 

Te puede interesar