Opinión

Non será o intre de rectificar?

O vindeiro 9 de maio é celebrado en Rusia como o Día da Vitoria na “Gran Guerra Patria” contra a Alemaña nazi na Segunda Gurra Mundial. Ou sexa, é unha data como moito simbolismo, daquela que non sexan poucos os analistas que especulen coa idea de que a Ucraína (+OTAN e G-7) farán os máximos esforzos pra que Rusia non ocupe totalmente Backhmut antes dese día, ou que sexa a data escollida pra iniciar a ofensiva de Kiev. Agora ben, co ataque drons ao Kremlin, aínda que falido, esta acada o obxectivo de amosar que os centros de poder na Rusia son vulnerábeis, e que mesmo puido cuestionar un desfile no que tradicionalmente o Governo ruso amosa seu poder militar e o apoio popular co que conta. 

Agora ben, pra alén das accións que pretenden crear sensacións no subconsciente colectivo, reforzando ás hipóteses dos medios hexemónicos en occidente, sobre as debilidades de Moscova, o real é que Rusia amosou durante esta guerra, militar e económica, que é quen de confrontar coas maiores potencias do mundo, ou sexa con “occidente” e aliados, mantendo a iniciativa no eido militar e salvando a maioría os efectos das sancións. E, ademais, todo indica, que non pode perder a guerra (lembremos que se trata dunha potencia nuclear), a menos que haxa unha rebelión interna, algo que as enquisas rexeitan, xa que Putin conta cun apoio superior ao 70%. 

Con seguridade Estados Unidos rexeitará que colaborase cos ataques con drons a Moscova, aínda que imposíbel que non fose así porque todo fai pensar que Kiev necesita como mínimo do seu apoio loxístico. Trátase, como xa fixeron coa destrución dos Nord-stream, de agochar a man despois de golpear nos simbolismos de Rusia (no económico, político...) pra dar alento á guerra mediática, e manter activa a confrontación militar coa Ucraína, moi esgotada a todos os niveis e cun enorme aumento das contradicións internas. Evidentemente detrás deste conflito está a loita pola hexemonía mundial entre Estados Unidos e China. Xa que pra evitar esta guerra houbese chegado coa neutralidade da Ucraína e cumprir os acordos de Minsk, que garantían a seguridade de Rusia e o respecto pola pluralidade nacional na Ucraína. 

O ataque con drons a Moscova é sen dúbida un salto cualitativo na guerra que, pra alén do simbólico, moi necesario pra manter o estado de animo do exército e da povoación na Ucraína, terá unha contestación por parte de Rusia e non será, como outras, algo puntual. Os resultados veranse nos vindeiros meses. Un aumento dos efectivos e dos ataques aéreos? Unha invasión terrestre sobre Kiev?... Tamén aumentará a fenda e a contestación con relación aos países “occidentais” que apoian a Kiev con armamento e aplicando sancións á Federación Rusa. 

Haberá unha contestación inmediata e un reforzamento a medio prazo no eido militar. Esta era a finalidade de Kiev? penso que non. Rusia non pode negociar desde unha postura de debilidade, porque tería consecuencias estratéxicas pra Federación durante décadas e mesmo poderían ser históricas. Ademais, contrastaría coa evidencia de que vai gañando terreo na Ucraína, aínda que sexa moi lentamente (neste intre). Ademais, ocupa máis do 20% do territorio e as baixas militares de Kiev son moi superiores, e isto ten importancia nunha guerra. Tampouco se pode obviar, cando se trata de recursos humanos, que a povoación de Rusia supera os 140 millóns de persoas e na Ucraína non chega a 30 millóns, dado a forte emigración, unha parte residente na Federación Rusa. No medio deste lameiro está a UE, enviando armas, gastando miles de millóns en defensa, esquecendo o obxectivo da paz, que condicionaría aos intereses da OTAN e aos réditos subimperialistas... obviando o medre da desigualdade e a perda de peso no mundo... É abondo. Hai que rectificar.

Te puede interesar