Opinión

Non valen as vellas formulas

Segundo un estudo do BBA Research no ano 2023 a economía do noso país só medrará un 0,5% e o emprego terá unha caída do -0,7%. tanto nun caso como noutro serán os peores datos dunha autonomía. A media pra o Estado español (EE) sería no PIB do 1,2% e na creación de emprego o 1,1% a diferencia é notábel. Pra o ano 2004 marca unhas expectativas mellores tanto pra o EE como pra Galiza, aínda que lonxe dunha recuperación que se poda considerar consistente. O PIB crecería un 3,6% o mesmo que a media no EE, e o emprego medraría o 1,3% moi por debaixo da media do Estado que atinxiría o 2,8%. 

Agora ben, con eses antecedentes e con estas expectativas, os malos datos pra o noso país no referente á xeración de emprego pra 2023 e 2024 son realmente preocupantes, xa que máis unha vez reflíctese que somos furgón de cola. E non se pode ignorar que son datos que contrastan co argumento dun sector do empresariado que, malia superar o desemprego o 10% da povoación activa, teima na reclamación de que falta man de obra, cando o problema real está en que en moitos casos os salarios e as condicións laborais ofrecidas son inaceptábeis. 

Daquela que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril destaque este aspecto afirmando: “a inflación en Galiza foi do 6,4%, 0,7 puntos superior á do Estado, que quedou no 5,7%, mais cunha inflación subxacente real do 7%, o que, xunto coas reformas laborais, ten causado unha caída enorme do poder adquisitivo dos salarios mentres o capital incrementa “de forma desorbitada” os seus beneficios. As grandes empresas, a banca e as eléctricas acumularon gañancias de 25.586 millóns de euros, un 52% máis que no mesmo período do 2021. Os beneficios das empresa do IBEX medran 8 veces máis que os salarios”.

Todo indica que, cando menos no corto prazo non se notaran os efectos dos fondos Next Generation, e seguiremos padecendo as consecuencias do prezo da enerxía, das sancións a Rusia, e da reestruturación do comercio internacional. Que a nosa nacionalidade sexa que máis se resinta en termos de PIB e de emprego no 2023 obríganos a facer a seguinte pregunta: non se estarán aplicando dun xeito discriminatorio os fondos europeos e os investimentos do Estado, respecto da contía ou da prioridade no tempo, segundo a autonomía?.... Este non é un tema menor xa que pasamos por un recuar da economía do -9,1% no ano 2020, con efectos directos sobre o emprego, por mor da pandemia, e ademais o crecemento do PIB en 2021 e 2022 foi inferior na Galiza ao que tivo o Estado español (respectivamente 5,5+3,6 fronte ao 5,5+4,6). 

Non se pode obviar, que o menor medre do PIB e os malos datos sobre o emprego, temos que comparalos non só con outras autonomías, senón tamén con respecto á evolución histórica. Por exemplo o PIB galego dende o 2009 evidencia un axuste estrutural continuo. Esta evolución negativa reforzase coas previsións de paro pra 2023-2024, ao que se suma un aumento salarial que, que sendo superior a outras autonomías nos convenio asinados este ano, mesmo así só compensa en parte o medre da inflación. Daquela que medre a desigualdade, a pobreza e precariedade. Unha fotografía que se completa coa perda de povoación en relación co Estado español perante o último século, e moi especialmente nas derradeiras tres décadas, non só pola caída da natalidade, senón porque mantense viva a emigración da mocidade (moita dela moi formada profesionalmente), e tamén de capital, polo investimento no exterior e a exportación de beneficios.

Con estas perspectivas resulta difícil de entender o optimismo tanto do Governo central como da Xunta de Galiza, e sobre todo cando se acumulan retrocesos de tanta transcendencia dende hai tanto tempo... Pra avanzar non vale con repetir as vellas formulas. 

Te puede interesar