Opinión

Normalización da lingua galega

Ofeito de que as distintas linguas do Estado español pódanse usar no Parlamento é de xustiza, xa que responde a unha realidade que abrangue a millóns de persoas ques e expresan en catalán, galego, eusquera e outras linguas, daquela que resulte difícil de entender o rexeitamento dos partidos da dereita pra que se utilicen con normalidade no Congreso. En realidade saben e temen que, aínda sendo un paso simbólico, de menor entidade que a súa total normalización nas nacionalidades nas que se falan, tamén implica poñer en primeiro plano a realidade plurinacional do Estado español que tanto lles custa recoñecer aos que predican o centralismo. É un paso adiante positivo por parte do PSOE, sen esquecer que se opuxo a propostas anteriores semellantes realizadas polos partidos soberanistas das nacionalidades periféricas. 

Ao mesmo tempo o recoñecemento deste dereito evidencia as contradicións do PP, e de Núñez Feijóo. xa que sendo até pouco presidente da Xunta de Galiza, argumentaba que o trato que se lle daba ao galego estaba en igualdade de condicións co castelán-español. Mais na práctica resulta evidente que non é así, vexase a actitude do seu partido, con el de líder, no debate no Congreso español e a postura que mantén o PP respecto da utilización no Parlamento da UE. Neste último caso tamén é difícil de comprender que o PSOE, diante da oposición dalgúns países (esencialmente nórdicos, que logo se gaban da súa democracia) seica dará primacía ao catalán, amosando un trato preferencial respecto do galego e eusquera,... será porque este dereito se asume porque está ligado aos votos de Junts e ERC necesarios pra que Pedro Sánchez acade a presidencia?... 

Sen dúbida a lingua galega, nosa cultura en xeral, é unha contribución á riqueza da humanidade, e todas as persoas que viven na Galiza deberían coñecer o idioma, tanto as nacidas no país como aquelas que chegaron como inmigrantes. Que sexa así axudaría moito no proceso de integración, aínda sabendo que isto implica recoller a herdanza do pasado así como asumir cambios, como sucede con todo aquelo que está vivo. Na normalización da nosa lingua tampouco se poden ignorar as moitas décadas de discriminación, que durante a ditadura franquista se converteron en persecución e a invisibilización en todas as estruturas de poder, tanto públicas como privadas. E esta etapa tan opresiva non está tan lonxe no tempo, máxime cando ademais neste último período coincidiu con importantes cambios na economía e na sociedade. Polo tanto na normalización da lingua non só importa o papel do ensino, que se utilice nos organismos e por parte dos cargos públicos, senón tamén, é moito, a súa incorporación na empresa privada, como xa fan algunhas dando exemplo, a fin de que a súa utilización na economía axude na normalización. 

Por último, coido que a cuestión lingüística na Galiza non se pode tratar sen ter en consideración a relación tan grande do galego co idioma portugués, mesmo tendo en conta as diferencias fonéticas, que son menores nas zonas rurais no norte do país irmau. En fin, trátase de dous idiomas cun pasado común, o que se debería aproveitar pra unha maior relación no ámbito cultural e social, xa que no económico xa se dá (tanto en importacións-exportacións como en investimento de capital). Outro aspecto a ter en consideración é que o portugués falase en Angola, Mozambique, Guine, e outros lugares que foron colonias de Portugal. Mais sen dúbida o máis relevante é que Brasil é hoxe unha das grandes potencias emerxentes, e cada vez ten un papel máis relevante no plano internacional. Forma parte dos BRICS,... e dun futuro Consello de Seguridade da ONU reformado?... Ou sexa, co galego é un activo que cobrará un maior valor no mundo multipolar, e este colle cada vez máis forza. 

Te puede interesar