Opinión

A nova tarifa eléctrica

Conforme van pasando os días resulta evidente que non foi correcto, por parte do Governo central, que se botase sobre o consumidor unha parte importante da responsabilidade pra abaratar o recibo da luz sen telo socializado previamente. Daquela que o lóxico houbese sido, como primeiro paso, que se deixase patente a redución do custe da tarifa eléctrica. Agora, seica o recibo deste mes, malia as promesas de rebaixar a tarifa, vai subir preto dun 40%, en boa medida polo aumento do gas e do imposto de contaminación (tamén por algún tipo de manipulación dos prezos?... até o Executivo o pensa). No inmediato convertéronse en papel mollado as promesas do Governo nun tema moi sensíbel, tanto polo alto custe da enerxía, como polos grandes beneficios das empresas que na práctica axen como un monopolio, mesmo sendo varias e teoricamente competindo entre si.

Hai analistas que afirman que este pode ser un aumento moi conxuntural, e que habería que esperar uns meses pra termos unha perspectiva correcta da tarifa eléctrica media. Agora ben, mesmo así, non se pode obviar a vinculación que se fai da redución da tarifa, con relación ao horario de luns a venres, parte de esixencias na utilización de lavalouzas, secadoras, lavadoras, etc en horas nas que as persoas están a durmir, co que isto implica en edificios. Tamén afecta negativamente os custes en perruquerías e outros negocios, e como teñen denunciado as granxas respecto de cando muxir as vacas. Non se tiveron en consideración estas actividades? Haberá pra elas un trato especifico?

Son modificacións de hábitos de vida e horarios que atinxen negativamente certas actividades, que facían necesario un debate previo e unha importante divulgación dos cambios, como é a eliminación da tarifa nocturna, algo que non se fixo. E, só despois, e tras un debate sobre o tema, contando coas organizacións de consumidores/as, sindicatos, empresarios,... realizar unha reforma a fondo pra actualizar os criterios de valoración do consumo eléctrico, e poñer freo aos desproporcionados lucros das empresas. O Governo argumenta que a reforma que fixo entra a fondo neste tema, xa que a parte fixa da factura baixa un 16%, mais, non se pode pasar por alto que a parte que correspondente ao consumo está moi condicionada polo horario. En resumo, unha iniciativa con luscos e fuscos, que aínda causará moita polémica nos vindeiros meses, como mínimo.

A cuestión da enerxía, tanto dos sistemas que se utilizan pra xerala como do custe final pras familias e empresas, son un dos debates de fondo aínda pendente, que non se pode considerar un tramite. Así o reflicte a masiva mobilización do pasado 5 de xuño en Compostela, poñendo en cuestión a construción invasiva de muíños eólicos na Galiza, onde ademais do número conta a súa potencia e dimensión e as redes de evacuación (pra termos en conta as necesidades, áreas protexidas, terras agrícolas, casas e aldeas próximas). Falta definir pola Xunta de Galiza unha estratexia sobre cales son as necesidades reais de produción, a rendibilidade neta que se obtén pra o país da exportación, da importancia de que o prezo final teña en conta o transporte, mantemento, caída de potencia. E sendo un ben tan esencial debería ser público como solicitan algúns sindicatos, organizacións sociais e partidos galegos, e máis barato alí onde se produce (tarifa eléctrica galega).

Este é un debate esencial pra Galiza, máxime cando está en cuestión o equilibrio entre o ser humano e a natureza, e a enerxía pode ser fonte de contaminación porén tamén un piar básico pra o desenvolvemento, se está ao servizo do povo galego. En calquera caso, a vía axeitada pra tratar este tema non é a que se escolleu pra modificación da tarifa eléctrica.

Te puede interesar