Opinión

Un novo mundo está emerxendo

Agás as partes moi involucradas na guerra da Ucraína o certo é que a maioría dos países, mesmo moi relevantes de Asía, África, e América Latina, queren que o conflito remate axiña. Esta actitude contrasta coa postura belixerante de Estados Unidos, os países anglófonos e a Unión Europea (G7+OTAN). Sobre o terreo, no ámbito militar, a esta altura, aínda que Rusia atopa moita resistencia por parte do exército da Ucraína e avanza moi de vagar, a Kiev cústalle como contrapartida un prezo moi alto en vidas humanas e perda de armamento.

Ficamos diante dunha guerra de desgaste, tanto no eido militar, como no económico e político. Isto, polo momento beneficia especialmente aos Estados Unidos, que busca así debilitar ás potencias emerxentes, como Rusia e China,... manter a raia a Iran, Turquía, Brasil, India, Arabia Saudí, e supeditar como potencias subimperialistas, polo tanto subordinadas, a Alemaña, Francia, Reino Unido, Xapón... coa intención de reverter os avances cara un mundo multipolar. Daquela que a guerra collese tanta intensidade, e seus efectos se estendan ao ámbito mundial, dando pulo as sancións económicas e á confrontación no ámbito da comunicación, convertida en propaganda.

Daquela, por máis que USA e aliados preman hai moitos países que non queren sumarse ás sancións impostas por “occidente”, máxime cando van a máis e poden implicar un salto cualitativo e unha confrontación nuclear. Ademais, pras potencias e países que valoran súa soberanía, apoiar á Ucraína tal como esixe Washington sería reforzar un mundo unipolar. Razón pola que son moitas as nacións que non colaboran coa estratexia imposta por “occidente”, xa que unha solución militar que implique unha vitoria dos Estados Unidos consolidaría a dependencia, a práctica das sancións e intervencións, malia que non acepten a invasión da Ucraína mesmo compartindo parte do argumentos rusos.

Pra inmensa maioría das nacións é esencial atopar unha saída negociada ao conflito, e que tanto o poder económico como militar no mundo estea repartido equitativamente. E pra isto é necesario unhas regras de xogo nas que as cadeas de valor estean condicionadas polo esforzo produtivo, con economías sustentábeis e autocentradas; ou sexa, que protexan os ecosistemas e estean ao servizo da sociedade e non do imperialismo e grandes fortunas. E pra isto é esencial rematar coa lei do máis forte, da centralización e concentración como sistema que retroalimenta o conflito en todos os ámbitos. E pra que sexa así, respecto dos territorios e da súa soberanía, trátese do Dombass, de Kosovo,... tanto sexa unha anexión como a independencia, en última instancia a solución sempre debe respectar a vontade da povoación que o habita o territorio.

Dise que as fronteiras herdadas da Segunda Guerra Mundial son sagradas, e ponse como argumento o de evitar conflitos étnicos internos e entre países. Mais estas normas non respectan en moitos casos a vontade de nacionalidades cunha identidade especifica, que son discriminadas. Ademais, estas regras son ignoradas cando interesa, por exemplo no caso de Kosovo, onde hai un recoñecemento da súa independencia por varias potencias, que en cambio apoian a ocupación de Palestina e o Sáhara Occidental, malia as resolucións da ONU. E non se impoñen sancións. A dobre vara de medir. Polo tanto, a defensa da integridade territorial da Ucraína, un pais multietnico, semella unha escusa pra manter as vellas hexemonías. Tampouco é cuestión de democracia, vexase a supresión dos convenios colectivos nas empresas de menos de 250 persoas, a ilegalización de 13 partidos, os bombardeos sobre o Dombass dende 2014, incumprindo os acordos de Minsk...

Un mundo novo está emerxendo. Será posíbel?... Recollerá o mellor da humanidade?...

Te puede interesar