Opinión

Un novo Pacto da Moncloa?

Cando Pedro Sánchez propuxo acordar un novo Pacto da Moncloa pra superar as consecuencias do COVID-19, seguramente non se refería a repetir aquel acordo político asinado coa escusa de evitar un golpe militar, consolidando a democracia representativa formal, o que se alcumou recentemente como o “réxime do 78”. Todo indica que o Presidente usou este exemplo non pra copialo, tendo en consideración que ficamos nun contexto moi distinto, senón pra simbolizar a importancia do momento e a necesidade dunha nova maioría política, que se reflicta na sociedade, pra superar un atranco que ten consecuencias sanitarias, porén tamén económicas e no modo de vida das persoas. 

Agora ben, a cuestión é que o Pacto da Moncloa, considerando seus resultados, ten unha cara moi distinta segundo sexa a clase social e a nación que se analice. Non foi tan bo, como venderon os partidos asinantes, e os dous sindicatos de ámbito estatal que o apoiaron (CCOO e UGT). Concretamente, restóuselle protagonismo ao movemento obreiro, que daquela era moi considerábel, e este retroceso reflectiuse axiña ámbito laboral así como nos pactos sociais posteriores (AMI, ANE, AI, AES...). Asemade no eido político implicou a renuncia á conquista dun estado confederal ou federal, que recoñecese como suxeitos de pleno dereito ás nacionalidades historias (Galiza, Euskadi, Cataluña...), e o sacrificio da República aceptando a Monarquía. Ademais, este pacto non evitou o intento de golpe de Estado de Tejero, que serviu de escusa pra os recortes posteriores no Estado das Autonomías mediante a LOAPA (un proceso que se ampliou coas transferencias de competencias á UE e con medidas recentralizadoras como a Lei de Unidade de Mercado). 

Todo indica que o Governo mentres fai esta proposta, sen concretar os contidos e obxectivos, pra alén do eslogan de “reconstruír a economía e salvar o emprego”, está centrado nas negociacións no marco da UE de cales serán as condicións dos prestamos, especialmente os 240 mil millos do MEDE (prazos de devolución, e con ou sen condicións de axuste). Existen estas hipotecas porque o Estado español renunciou a unha moeda propia e a regular o comercio exterior, polo que agora carece da capacidade pra emitir moeda pra adicala a potenciar o consumo, favorecer a produción local diante das importacións, etc. 

Polo tanto, con estas ataduras e nesta conxuntura as únicas solucións, no inmediato, son: ou aumentar impostos ás grandes corporacións e aos máis ricos; ou hipotecarse con novos prestamos; ou rebaixar salarios e prestacións á clase traballadora, pra atender ao aumento das familias en situación de emerxencia, así como ás empresas máis débiles ou de sectores máis afectados pola pandemia. Evidentemente, a opción que se escolla é a que marcará o carácter ideolóxico da resposta, en función de cales destes instrumentos se utilicen e en que proporción.  

O urxente é a optimización da atención sanitaria, e garantir un mínimo a todas aquelas familias durante a situación de emerxencia. Mais, non se pode obviar que as medidas que se tomaron pra enfrontar a crise do ano 2008 implicaron unha perda importante de dereitos laborais e democráticos (salarios, negociación colectiva, contratación, despedimentos, Lei Mordaza, artigo 315.3 do CP, etc), que se concretou en máis precariedade e desemprego, así como sobre todo nun reparto máis inxusto da renda entre o traballo e o capital. Utilizarase a escusa da pandemia, e dos seus efectos na economía, pra realizar un novo axuste? Se fose así, seguiríase concentrando e centralizando poder e riqueza, en lugar de avanzar cara un reparto xusto do traballo e os ingresos, con economías autocentradas, diversificadas, respectuosas coa natureza, cun sector primario e de transformación fortes, cun reequilibrio territorial. 

Te puede interesar