Opinión

Os escenarios posíbeis

Opinión

Os escenarios posíbeis

Aesta altura son tres os escenarios posíbeis en relación coa investidura de Pedro Sánchez, tendo en consideración os resultados electorais. Vexamos: que acade os apoios suficientes, pra alén da coaligazón con Podemos, grazas ao soberanísimo e partidos locais; que se consiga facendo cesións o PSOE pra que o PP e Ciudadanos se absteñan; e como terceira alternativa, forzar unhas novas eleccións. Os dous últimos escenarios serían os máis negativos pras clases populares e as nacionalidades históricas, como é Galiza, e pras autonomías que tamén foron moi afectadas pola recentralizacion económica e a globalización neoliberal (LOAPA, transferencias a Bruxelas, Lei de Unidade de Mercado, Comisión da Competencia, etc.).

No primeiro caso a abstención de ERC é imprescindíbel, mais non é doada. Tanto pola existencia de presos con longas condenas polo referendo e a declaración simbólica da independencia, como pola presión dos partidos da dereita e os poderes económicos (respecto da cuestión nacional e do marco laboral e fiscal), e as declaracións de Sánchez durante a campaña electoral. Non se trata de que non exista unha tradición de dialogo, como algúns analistas teiman, xa que tanto o PP como o PSOE negociaron con ETA, que era unha decisión máis difícil de argumentar.

Polo tanto, hai aspectos que se consideran tabús porque son funcionais aos intereses económicos e de poder actuais. Como un Estado español unitario e centralizado. Esquecendo que até 1833, co antigo réxime os reinos estaban unidos exclusivamente polo monarca. Daquela que, coa invasión napoleónica a Xunta Suprema de Galiza de 1808 recuperou a plena soberanía, creando un exército e chegando a acordos con outras nacións europeas. En 1806, cando as invasións inglesas a Bos Aires, os galegos, vizcainos, cataláns, etc. formaron “tercios” propios, non se identificaban como españois. Hespaña implicaba máis unha realidade xeográfica que unha identidade colectiva.

Sen dúbida, os dous últimos escenarios referidos son os peores, tanto no aspecto social como no político. Porque un pacto de investidura co apoio directo ou indirecto do PP e Ciudadanos implicaría concesións, tanto pra manter a privatización dos servizos e prestacións públicas, as medidas que impulsan a precariedade, a desigualdade, e o retroceso de salarios e pensións, como pra realizar recortes nas competencias das nacionalidades e autonomías. E tanto neste escenario, e sobre todo se houbese unha nova convocatoria electoral, existiría a tentación por parte destes partidos sistémicos de realizar unha reforma electoral (na que teiman algúns deles), na que se esixa un chanzo mínimo en todo o Estado español pra ter presenza no Congreso e no Senado.

Sería unha solución á turca, que aumentaría exponencialmente a conflitividade, mesmo naqueles territorios que historicamente non reclamaban un Estatuto, porén nos que descentralización foi un paso positivo, aínda que pras nacionalidades fose insuficiente. Esta saída tampouco favorecería hoxe o bipartidismo, dado a fragmentación na esquerda e na dereita. Ademais, daríase nun contexto onde existe unha aguda confrontación entre potencias e no que as limitacións do sistema resultan evidentes, xa que vai de crise en crise. Non dá resolto a desfeita ecolóxica, nen ofrece expectativas de futuro á maioría da sociedade, asemade alenta as revoltas sociais (Ecuador, Chile, Colombia...), o enfrontamento entre países, e as saídas autoritarias e populistas. Os dous últimos escenarios son unha solución formal, mecánica, e dan pulo ao choque de trens. Isto só se evitou no franquismo, só durante unhas décadas, ateigando de mortos as cunetas e creando o medo en aldeas e cidades. A solución: a negociación, respectar a vontade popular, a participación, e institucións representativas.