Opinión

Oseira, non esquecer a traxedia

O serán do 22 de abril do ano 1909, hai agora cento dez anos, sucederon os tráxicos feitos de Oseira, no concello de Cea, que deixaron un saldo de 7 persoas mortas, 5 homes e dúas mulleres -unha rapariga e unha moza embarazada-, e 12 feridas segundo a revista “Vida Gallega” (outros medios elevan a 27 as persoas feridas, 11 moi graves). No Estado español governaba o conservador Antonio Maura, confrontado coa guerra de Marrocos e a axitación social. O noso país tiña 2.063.523 habitantes en 1910, que representaban o 10,3% do total do Estado (hoxe é do 5,78%). 

A salvaxe represión por mor dos disparos da garda civil, comprometían ao bispo de Ourense, Illundain, que solicitou a presenza da forza pública. Foron enviados 1 tenente, 1 sarxento, 2 cabos e 19 gardas civís. Despois dos sucesos a forza en Oseira elevouse a máis de 60 garda civís. Axiña naceu un movemento solidario coas vítimas. Realizase unha manifestación no Carballiño e o 9 de maio unha mobilización en Ourense a iniciativa dos sindicatos obreiros, na que se guindan pedras contra o pazo episcopal, o circulo obreiro católico, a residencia dos Maristas, así como o periódico “Eco de Orense” que  arroupaba a postura da igrexa. Pra controlar estás protestas foron trasladados á cidade todos os gardas civís de Infantería da provincia, así como efectivos da montada de Vigo e da Coruña. Dez días despois dos acontecementos aínda existía un forte retén da garda civil no Governo Civil e no Concello.

O conflito comezou por mor das reformas no Mosteiro de Oseira decididas polo bispo. Os veciños/as querían a preservación do patrimonio parroquial e dos dereitos comunais. Os xornais católicos converteron a protesta nun acto vinculado con escuros intereses políticos, malia que recoñecían os motivos da xenreira dos labregos contra o bispo e o governador civil. 

Na revista “Vida Gallega”, dise que José Losada redactor do xornal “Miño”, favorábel aos veciños, foi o primeiro en chegar a Oseira pra informar dos feitos. Os sucesos acadaron moita transcendencia  no Estado español porque Eugenio López Aydillo, redactor do “Heraldo de Madrid”, deu conta do ocorrido alentando o debate no Parlamento en varias oportunidades. Tanto Aydillo como Nan de Allariz, ambos ligados co galeguismo e agrarismo, foron comisionados polos veciños pra informar ao Governo do acontecido. Fíxose unha Comisión Parlamentar que, como era normal na época, concluíu que a garda civil non tiña responsabilidade ningunha nos feitos.

Por mor da axitación no ámbito rural, que se alargaba a moitas outras localidades galegas, especialmente polo tema dos foros, non se realizou a 2º Asemblea Agraria. Unha convocatoria que se fixera un ano antes en Monforte, adiándose a súa realización pra agosto de 1910 tamén nesta vila. 

Sen lugar a dúbidas no ano 1909 destaca pola súa transcendencia no ámbito rural o tráxico suceso de Oseira, no concello de Cea. Porén tampouco se debería esquecer que ese ano realizouse o primeiro mitin rural da campaña antiforista, en Tomiño, no Baixo Miño, o 20 de xuño de 1909. Neste acto: Chinto Crespo utiliza a lingua galega na intervención, usada por vez primeira nesta campaña; ademais figura entre os oradores unha muller, Carmen Álvarez, que se dirixe especialmente á numerosa asistencia feminina. Chinto Crespo era un gran propagandista agrario, “emprega un ton popular, como corresponde á súa clase proletaria” (JA Durán). 

Tanto Oseira, como Sofán en Carballo, Nebra en Porto do Son, e Sobredo en Tui, foron referentes da loita labrega contra os foros e o caciquismo durante décadas. Estas accións eran continuidade dos motíns e revoltas que se deran na Galiza durante toda a última metade do século XIX contra as levas, as penurias, e os impostos abusivos. A aldea nunca foi submisa.

Te puede interesar