Opinión

Ourense e a revolución de 1934

No mes de outubro de 1934 produciuse un movemento revolucionario que tivo especial relevancia en Asturias, e repercusión en Cataluña e Euskadi, así como na nación galega. Moitos historiadores coidan que este feito é o principal antecedente do levantamento militar de 1936 e da ditadura franquista. A revolta foi consecuencia da designación do novo governo presidido por Lerroux, onde se integraban tres membros da CEDA, considerada por eles unha forza fascista, e dirixida por Gil Robles. A esquerda valorou esta decisión como a constatación de que se pretendía desandar todo o avanzado dende a proclamación da Segunda República.

A folga revolucionaria encetou o 5 de outubro. En Madrid producíronse asaltos aos cuarteis. A revolta sería controlada axiña cun saldo de varios mortos e feridos e 400 persoas detidas, mais o paro duraría, como noutras zonas do Estado, máis dunha semana. Presidida por Compays, e con hexemonía de Esquerra Republicana, a Generalitat de Catalunya decidiu o 6 de outubro apoiar o movemento revolucionario e proclamar o Estado Catalán e a República Federal Española. Ese mesmo día, Lerroux anunciou por radio a declaración do estado de guerra en todo o Estado español. A noite do 6-7 de outubro producíase un enfrontamento armado entre as forzas do Governo central e da Generalitat, coa capitulación desta última, despois duns 20 disparos de canón contra a sede do Goberno de Cataluña. Comezaron os xuízos sumarísimos. Un día despois, o Congreso restablecía a pena de morte e afirmaba controlar a situación.

En Asturias a revolución acadaría unha grande dimensión social e eco internacional. Corenta povos da conca mineira, así como a cidade de Oviedo, foron tomados pola UHP (Uníos Hermanos Proletarios) integrada pola CNT e a UGT. O Governo convocou 40.125 recrutas a filas e procedeu contra os rebeldes con total dureza. A represión do movemento estivo a cargo dos xenerais Goded e Franco, con plenos poderes e unidades de regulares mouros e a Lexión. O cruceiro “Libertad” bombardeou o monte Santa Catalina en Xixón, e as forzas desembarcaron o día 7, ocupando a cidade tres días despois e Oviedo o día 15. Houbo 1.335 mortos, dos que 1.051 eran revolucionarios, e serían detidas máis de 30.000 persoas. Cómpre lembrar que dos 60.000 mineiros existentes daquela en Asturias calcúlase que uns 15.000 eran de orixe galega.

Debido á importancia que esta revolta tivo en Asturias e á presenza de tropas con base na Galiza na represión, esquécese moitas veces que non foron poucos os galegos que participaron na revolta, e que o noso país non estivo á marxe da folga xeral, das protestas e da solidariedade coa insurrección. O paro foi apoiado nas cidades galegas e vilas, aínda que con distinta intensidade, convocado pola UGT e CNT. En Ferrol parou o estaleiro, na Coruña clausuráronse sindicatos obreiros, en Pontevedra houbo detencións e o día 7 declarouse o estado de guerra...

En concreto respecto da provincia de Ourense o 8 de outubro mobilizouse o exército na capital, en Baños de Molgas e Maceda. A estrada de Allariz foi cortada, xa que se tombaron numerosos postes de telégrafos e tendido eléctrico; e ademais foron disolvidas as asociacións de empregados municipais. Ademais, no monte da Torre en Paderne xuntáronse unhas 300 persoas pertencentes a asociacións obreiras da comarca; a Garda Civil tomou posicións e realizou varias detencións. En Maside houbo un corte de luz e tamén se fixeron arrestos. O día 17 de outubro os xornais indicaban que Ribadavia recobrara a normalidade e a Casa do Povo foi clausurada, e que os afiliados da Falange Española e de Acción Popular puxéronse a disposición do alcalde, saíndo pola noite á rúa en roldas armadas. Mais dunha semana de conflito social e laboral, afogado coa represión.

Te puede interesar