Opinión

Pandemia, as eivas do sistema e de governo

A evolución do covid19 é negativa no Estado español e Portugal, deixando en evidencia o fracaso dunha desescalda que se planificou como funcional ao retorno á normalidade do turismo e ás actividades relacionadas coa hostalería. Alentaba esta folla de ruta o optimismo do avance na vacinación, a taxa de contaxios, e o cansazo da povoación polas limitacións nos comportamentos sociais. Non se tivo en consideración a rápida propagación da variante delta do covid-19 moito máis contaxiosa, e que non facer obrigatorio a utilización da máscara en exteriores (sempre que se mantivese a distancia) enviaba unha mensaxe de superación da pandemia a aqueles que a usaban só por obrigación. Non se lle fixo caso aos/as especialistas que sinalaban os perigos destas medidas simbólicas que non respondían á realidade da etapa na que estaba a loita contra a pandemia. E agora, mais unha vez hai que dar marcha atrás.

En todo este proceso, de idas e voltas, resulta difícil de explicar a falta de mecanismos cos que se atopan as comunidades autónomas pra tomar as medidas apropiadas coa urxencia necesaria. Respostas que non teñen porque ser as mesmas en todas elas. Hai territorios máis urbanos que outros, cunha incidencia distinta do turismo, da mobilidade, e mesmo do clima, que condiciona os comportamentos sociais. Aínda así o debate centralizador sempre está presente. As nacionalidades e rexións non son un invento. Porén en todas elas a pandemia obriga a contar co persoal e os recursos sanitarios apropiados, e poder responder con axilidade a situacións que poden mudar rapidamente.

E neste último aspecto a actitude do Governo central e do poder xudicial non axuda, cando non axen como un atranco, especialmente este último. Cómpre unha lei que dea plena capacidade ás nacionalidades e rexións (ás autonomías) pra que podan aplicar todos os mecanismos necesarios pra protexer á xente en caso de urxencia sanitaria ou por desastres ecolóxicos. Neste aspecto está a ser un atranco perverso a xudialización da pandemia, con resolucións contraditorias segundo a autonomía, que semellan máis condicionadas pola matriz político ideolóxica de moitos dos/as xuíces, que pola prioridade da loita contra o virus. Xerando confusión e desacougo.

Sen dúbida desta situación tan dura e complexa, pódense e débense tirar conclusións que nos fagan por unha banda ser máis eficientes, e pola outra, facer as reformas necesarias pra minimizar no futuro as situacións de risco. É verdade que dirixir un barco en épocas de tormenta non é doado, e a actual dáse tanto no plano económico e social como no ecolóxico e sanitario, polo que non abonda con dar solucións conxunturais, que só respondan ás urxencias tapando buratos. Cómpre ter unha visión estratéxica da tendencia dominante e como confrontala nos distintos ámbitos. E neste aspecto todo indica que no caso da pandemia do covid19 a maior parte dos países do mundo, comezando polas potencias occidentais, malia a súa hexemonía militar e financeira non estiveron á altura das circunstancias. Aínda contando cunha sanidade pública universal, na maior parte dos países estaba moi golpeada por décadas de neoliberalismo privatizador.

Ao principio da pandemia todos os poderes, dende o político ate o económico, recoñeceron o papel da sanidade pública, seu carácter estratéxico e solidario. Porén, a medida que foi pasando o tempo non se lles dotou dos recursos humanos necesarios, especialmente a atención primaria, creando desacougo nos/as usuarios, como nas últimas ondas (en beneficio da sanidade privada?). Son cuestións que urxe clarificar e solucionar. Hai temas como a saúde que non poden ser un negocio (tampouco a auga e a electricidade). Ademais, todo fai pensar que esta non será a última pandemia.

Te puede interesar