Opinión

Pensións, un paso adiante e unha morea de incertezas

Que as pensións estean unidas á evolución do IPC é de xustiza; máxime cando se trata dunha débeda contraida polo Estado, polos ingresos aportados á Seguridade Social previamente, por cada traballador/ra na súa etapa laboral. Lembremos que nos últimos anos coas limitacións impostas polo governo de Rajoy as pensións medias perderon uns 400 euros anuais. Agora ben, sendo este acordo e neste aspecto un paso positivo non se debería esquecer que o cálculo do PIB ten en consideración os ingresos e gastos medios. Obvia que o aumento dos bens esenciais, como a alimentación e enerxía, subiron moito e que a súa incidencia non é igual nunha familia con ingresos baixos que aquelas nunha situación acomodada. Non se debería calcular o IPC segundo a franxa de ingresos e realizar con esta base as actualizacións?

Outro dos acordos aos que se chegou na Comisión Social (integrada polo Governo, patronal e os sindicatos de ámbito estatal) foi reducir a contía da pensións a aquelas persoas que se xubilan anticipadamente e aumentarlla as que o fan con posterioridade. Engadindo máis presión ao tema o ministro Escrivá afirma que pra poder atender as novas pensións, dunha xeración que representou unha expansión da natalidade, co que implica en aumento do gasto, estes novos xubilados/as deberían asumir un recorte das contías ou traballar algúns anos máis. A escusa de Escrivá é que o sistema se apoia na solidariedade entre xeracións, e que a clase traballadora será no futuro menor numericamente. Mais claro imposíbel, aínda que o ministro tivese que rectificar ao día seguinte. Sería porque non era a postura do Governo neste intre, ou estaba aínda a debate, ou adiantaba obxectivos que non son ben recibidos por unha parte importante da sociedade? Esperemos que non vaia pra adiante esta proposta, aínda que tendo en conta os antecedentes non tería moita confianza.

Respecto deste tema cómpre repetir que as pensións contributivas están ligadas ás cotizacións dos asalariados/as actuais, esta é a conexión entre xeracións que salienta o ministro. Porén, a cuestión non é que haberá menos persoas traballando por conta allea no futuro, lembremos a incorporación masiva da muller ao traballo asalariado na última década, senón que a participación no PIB das rendas do traballo é cada vez menor. Ao que habería que engadir o medre da precariedade e das horas extras que se realizan e non se paga por elas, nen se cotiza (son necesarios máis inspectores/as pra evitar a explotación e a fraude). E este cambio cuantitativo fíxose en beneficio dos lucros do capital, coa complicidade de sucesivos governos de distinta cor, afectando os ingresos medios dos asalariados/as e polo tanto do sistema de pensións. Outro aspecto que non se pode obviar é que as tarifas planas pra “incentivar a contratación” fanse a costa da caixa da Seguridade Social.

Ademais sería xusto e lóxico diferenciar as xubilacións que teñen orixe nas cotizacións individuais, daquelas pensións non contributivas ou complementos que se outorgan por criterios de solidariedade, que deberían estar a cargo dos orzamentos do Estado, como se fai con outro tipo de axudas. Da súa necesidade social non hai dúbida, porén non hai razón pra que se paguen cos recursos das pensións contributivas que son unha débeda contraida con cada traballador e traballadora en función dos anos e da contía cotizada. Ou sexa: trátase de cartos que o Estado garda e debe devolver en forma de pensións. Ese é o contrato.

En resumo: non se estará caneando a cuestión de fondo, que é a crecente desigualdade, precariedade e desemprego? Se non é ese o obxectivo cómpre derrogar axiña as reformas laborais e a lei mordaza, en paralelo cos cambios que dignifiquen as pensións. Forman parte do mesmo paquete, están ligadas polo sistema.

Te puede interesar