Opinión

Portugal vira á esquerda

Co triunfo das mocións de censura en Portugal cae o Governo de Passos Coelho quen aplicou duras políticas de axuste, que atinxiron negativamente ás clases populares. De pouco valeu que PSD e CDS, que perderon as eleicións, fixesen durante estes días o imposíbel pra se manter no poder, coa axuda do Presidente Cavaco Silva e dos medios de comunicación afíns. Era unha folla de ruta que estaba fóra da realidade, xa que nas recentes lexislativas o povo apostou claramente por un cambio de rumbo, canso de regresións pra maioría e beneficios pra uns poucos. 

O entendemento entre as distintas forzas da oposición non foi doado, especialmente entre o PCP e o PSP. Ao final, a vontade popular reflectiuse nun programa de governo a na votación no Parlamento do rexeitamento ao executivo de Passos Coelho. A esquerda obtivo 123 votos (86 do PSP, 19 de BE, 15 do PCP, 2 dos Verdes e 1 do PAN), fronte aos 107 do conservador PSD/CDS. A CGTP, a maior central sindical portuguesa, con hexemonía comunista, valoraba positivamente a moción de censura nun comunicado: “A rejeição do programa de Governo apresentado pelo PSD/CDS na Assembleia da República, com a consequente demissão imediata, é inseparável do imenso caudal de lutas que foram realizadas e constitui uma redobrada vitória dos trabalhadores e do povo que, aspirando a uma efectiva mudança de política derrotaram, mais uma vez, as manobras do grande capital e das forças ao seu serviço, com particular destaque para o Presidente da República, na tentativa de perpetuar o PSD/CDS no Governo”. 

Sen dúbida ábrense expectativas dunha mudanza de tendencia no país irmán. Non se trata polo tanto só de alarmismo interesado que os medios de información salienten que o programa pactado é anti-euro, e que terá moitas dificultades pra ser aceptado pola Unión Europea. O xornal Público de Portugal destacaba que os acordos implicarían en salarios un gasto extra de 450 millóns de euros pra o Estado en 2016. Mais hai outros aspectos do pacto de governo que teñen enorme transcendencia e significan o remate do austericidio e políticas viradas ao social: fin dos recortes ás pensións; aumento do salario mínimo a 530 euros en 2016 (hoxe é de 505); retorno ao réxime de 35 horas no sector público; máis chanzos no IRS (IRPF) de xeito que aumente o número de exentos nos máis baixo, e aumente a presión fiscal sobre os maiores ingresos; descenso na factura eléctrica; fin das privatizacións e revisión das que están en curso, como os transportes colectivos de Lisboa ou o metro do Porto; reforzo do ensino e sanidade pública, e revisión das parcerías público-privadas no servizo de saúde; etc. Non é un programa antisistémico, porén significa un xiro de 180 graos respecto dos que alenta a Comisión Europea e se estaban a aplicar polo PSD/CDS.

Que este programa se leve adiante non vai depender só de que fose asinado polos partidos de esquerda e progresistas, dado que o PSP ten unha traxectoria de contradicións nas últimas catro décadas. Por unha banda, prometeu cambios ao povo, e pola outra, terminou aplicando medidas funcionais á gran patronal e ás corporacións transnacionais. Polo tanto, pra alén de esperar que neste caso sexa distinto, será esencial que o PCP e o BE fagan un seguimento rigoroso do cumprimento do programa e alenten a participación popular. Só deste xeito poderase construír un muro de contención diante das presións da dereita, do gran capital, e das institucións europeas e internacionais ao servizo da globalización neoliberal. 

Hai quen pensará que estas eleicións son o anticipo dunha viraxe no Estado español. E debería ser así. Porén, a cuestión catalá insire un conflito político onde xogan máis os preconceitos que as razóns. Un debate que necesita o seu tempo pra madurar na sociedade.

Te puede interesar