Opinión

Pra alén dos 
resultados electorais

Ficou atrás unhas das campañas electorais con maior intervención mediática. Máis centrada nas formas que nos proxectos políticos, na empatía do espectador cos líderes dos partidos estatais, así como daquilo que interesa en Madrid e lle dá un protagonismo. Semella unha consecuencia lóxica, aínda que non sexa positiva pra periferia, da centralización nesta cidade do poder político, económico, e dos grandes medios de información (aínda que en moitos casos sexa intermediaria dos centros de poder globalizado). En fin, tanto estes aspectos, como os resultados electorais e posíbeis acordos, darán moito do que falar e analizar. Sobre todo, coido transcendente valorar se estas eleccións marcan unha tendencia pra esta etapa ou responden exclusivamente a esta conxuntura (axuste laboral e social, conflito catalán, etc). Esta é unha cuestión esencial, porque de cal sexa a resposta depende a estratexia futura, tanto daqueles partidos que tiveron bos resultados como dos que sufriron un retroceso.

Non vou entrar a analizar os resultados electorais, xa que o artigo foi escrito antes de coñecelos. Mais, pódense tirar algunhas conclusións encol da nova lexislatura, tendo en conta a campaña e as perspectivas. Nomeadamente, que aumentou a incidencia dos medios, e polo tanto tivo moita transcendencia o arroupe que destes se conseguise. Aínda sendo así, isto vale de pouco se falta discurso e capacidade pra conectar cos posíbeis votantes, e se a práctica contradí as promesas que se fan. Polo tanto, os referentes públicos deben ser capaces de sementar proxecto (obxectivos, folla de ruta), saír ben parados dos debates, e transmitir a idea de que son capaces de liderar o proceso de cambio que propoñen, superando todas as adversidades que se poñan por diante. Daquela que, mesmo sendo verdade que os medios non son imparciais — ren o é na vida real —, iso non serve de escusa pra quen está disposto a transformar a realidade, xa que debe contar con estes atrancos na súa estratexia.

Outra das conclusións é que o futuro governo será produto dun acordo entre partidos, polo que carecerá da capacidade actual do PP pra reformar leis e desenvolver políticas. E isto será válido tanto se o presidente é do PP como se é do PSOE. Máxime cando o “bipartidismo” a catro non é superador dunha división practicamente á metade no mapa electoral estatal, entre forzas que teñen o seu eixo na dereita e no centro esquerda (nunha caracterización simplista). O aspecto post-electoral máis destacábel será se hai unha viraxe do voto á esquerda dando alento a medidas que, sen cuestionar o sistema, sexan menos agresivas cos de abaixo. Porén, tanto no caso de que se validen as políticas actuais, como se se aposta polo cambio, será máis complexo governar e acadar a maioría con catro grandes forzas disputándose o espazo político.

Este bipartidismo imperfecto, a catro, tivo a virtualidade de ocupar todo o espazo do debate político, restándolle ao nacionalismo subalterno o protagonismo que tivo durante décadas. Algo que pras forzas que fan do centralismo o seu proxecto é un avance estratéxico sobre a situación anterior, aínda que non resolve e mesmo agrava o confronto coas nacións periféricas. Agora ben, ao mesmo tempo este xogo a catro, cunha situación política moi volátil, e dependente do momento e dos medios, abre fendas no bloque de poder e debilita o futuro Executivo. Isto permite que a reivindicación laboral e social atope condicións moito máis propicias pra conquistar obxectivos, e polo tanto crecer en organización e estratexia. E este escenario tamén será favorábel pras reclamacións económicas, culturais e democráticas que fagan as galegas e galegos como nación, pra alén dos resultados do nacionalismo, se mantén a iniciativa na mobilización.
 

Te puede interesar