Opinión

Pra que nos teman e nos respecten

A Revolución de 1846 comezou o día 2 de abril cando se pronunciou en Lugo o segundo batallón do Rexemento de Zamora que estaba de paso pra Valladolid, baixo o mando de Miguel Solís. O obxectivo do exército español era afastalo da Coruña. Esta era unha cidade liberal que xunto con Ferrol estaba a preparar unha insurrección contra o governo conservador de Ramón Narváez (reinaba Isabel II). Axiña sumouse ao levantamento Compostela, a onde se dirixiron as tropas de Solis, e días despois fixérono tamén: Pontevedra, Vigo e Tui. Mais, os militares con base na Coruña xunto con Ferrol e Ourense optaron por apoiar ao governo. 

O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Suprema do Governo da Galiza, nomeando como presidente a Pío Rodríguez Terrazo e secretario a Antolín Faraldo. A Xunta editou tres números do periódico “Revolución”. Saíu o primeiro exemplar o 17 de abril, afirmando: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte (...) galegos contando co voso apoio -a Xunta- logrará que a nosa provincia sexa temida e respectada”. Segundo Murguía sería tamén Faraldo quen nunha Xunta Suprema de Galicia reunida en Lugo o 15 de xullo de 1843, co gallo do pronunciamento progresista contra Espartero, propuxo votar a independencia de Galiza, e que non saíu adiante por un voto. 

En total as forzas rebeldes sumaban uns 5.000 homes. O exército que respondeu á Xunta era moi heteroxéneo, xa que estaba integrado por militares, garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de “literatos” (300 homes). Decididos a tomar o resto das cidades galegas os insurrectos comandados por Miguel Solís crean dúas columnas. Unha ao seu mando que se dirixe A Coruña e Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis que ten o obxectivo de ocupar Ourense. O 17 de abril chegaron a esta última cidade, mais foron recibidos con fogo de fusilería na ponte sobre o río Miño. Despois dalgúns intentos pra avanzar Rubín optou por se retirar a Ribadavia. En ambas columnas das forzas rebeldes dominou a falta de iniciativa e evitar o enfrontamento; polo que, pra alén dalgunha escaramuza en Sigüeiro, Ourense e perto de Ferrol, non se conseguiron os obxectivos marcados, agás a conquista de Betanzos. 

O día 23 de abril foi decisivo. As forzas de Solís entraron en contacto coas enviadas polo Governo en Cacheiras ao mando do Xeneral Gutíerrez de la Concha cuns efectivos duns 5.000 homes, numerosa cabalaría e artillaría, ou sexa, dobraban en efectivos aos rebeldes na zona. Despois das primeiras escaramuzas os insurrectos víronse forzados a recuar deica Compostela. Gutíerrez atacou en tres columnas a cidade, a loita foi teimuda, pois os soldados de Solís disputaban palmo a palmo as rúas de Compostela, até que se retiraban pola falta de munición. O mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 revolucionarios, até que se lles remataron as municións. Tettamancy afirma no libro La Revolución Gallega de 1846 que houbo sobre 60 mortos e 180 feridos por ambas as partes na batalla de Cacheiras, aínda que foron máis os do governo. Aos que se deben sumar outros tantos en Compostela. 

Vencidos os rebeldes, 56 xefes e oficiais foron conducidos a Coruña, mais serían xulgados por un Tribunal Militar no traxecto (sen ningún tipo de defensa no xuízo). Sendo fusilados Solís e 10 capitáns o 26 de abril en Carral, e un sarxento o día 4 de maio en Betanzos. Unha morea de rebeldes, militares e civís, marcharon ao exilio, especialmente Portugal, e uns dous mil prisioneiros foron enviados ás colonias. Sobre estes feitos o historiador Emilio González López, de ORGA e logo IR, salienta que a dureza da represión causou graves danos físicos e morais ao povo galego. 

Te puede interesar