Opinión

O primeiro Congreso Agrario Galego

Hai un século realizouse en Tui o primeiro Congreso Agrario de toda a nación galega, os días 28, 29 e 30 de xullo, e foi todo un éxito. Foi promovido pola Federación Provincial Agraria de Ourense, dando continuidade ás sete asembleas agrarias, que comezaron en 1908 en Monforte e remataron en 1919 na Coruña, e das que dúas fixéronse na vila de Ribadavia.

O periódico A Nosa Terra (ANT) destacaba que este congreso distinguiuse por refugar o envío de solicitudes ás institucións e ademais fíxose unha dura crítica á asemblea agraria da Coruña, xa que entendían que caera en maus dos caciques. Tamén sinalaba que aínda que a xente lle chamaba congreso rexional no futuro tiña que se denominar nacional. O periódico das Irmandades facía unha dura crítica a anteriores asembleas agrarias: “As asembleas de Monforte, que botaron as bases da ideoloxía agraria galega, tiveron o defecto de ser asembleas excesivamente governamentais (...) sen que nelas se sentise a acesa rebeldía do noso agro, eran unhas asembleas de xentes que aínda non se atrevían a reclamar de cheo as súas liberdades”. 

Os xornais da época salientaban que o teatro onde se realizou o Congreso estaba ateigado de bandeiras das distintas sociedades agrarias presentes, un total de 124 que representaban a 47.000 afiliados/as. Participaron dos debates o primeiro día 109 delegados/as, que escolleron como presidente a Basilio Álvarez, vicepresidente a Dionisio Quintillán, e secretario a Ramón Salgado Picouto da Federación de Ourense. 

O tema central dos debates foi, máis unha vez, a cuestión dos foros, a maioría inclinouse polo abolicionismo. Concretamente neste aspecto decidiuse que: “a partir desta data as eleccións deben ser antiforais. Non se votaran deputados a Cortes nen provinciais sen que estes declaren antes solemnemente que no Parlamento e deputacións van pedir a absoluta abolición do réxime foral e de que van loitar con todas as súas enerxías pra solucionar axiña os problemas agrarios”. Na xuntanza do 29 de xullo o delegado de Tui pediu que se fixera unha resistencia pasiva ao pago dos foros. Outro dos temas que se debateu foi a necesidade de estreitar a unidade entre os obreiros do campo e os dos talleres das cidades, tal como sucedeu como resposta á represión en Sobredo.

O Congreso Agrario non estivo exento de polémica, tal como salientan os xornais. O primeiro día o delegado da “autoridade” chama á orde a un dos oradores por “pedir a liberdade dos presos políticos e que non continúen no governo os conservadores”. Ao día seguinte o alcalde de Tui informou a Basilio Álvarez que recibiu un telegrama do Gobernador Civil prohibindo o mitin proxectado pra o domingo. “A lectura da nota foi acollida con grandes protestas, afirmando Basilio Álvarez, que malia a prohibición o mitin celebraríase”. 

Días despois de se realizar o Congreso fixose un mitin agrario en Ourense, nel falaron Melquiades Álvarez e Basilio Álvarez, seica o segundo proclamou a Melquiades como xefe do agrarismo galego. ANT manifestaba a este respeito a súa desconformidade xa que Galiza só debía ser dirixida por galegos (Melquiades fundou en 1912 o Partido Reformista e na época do Congreso de Tui estaba próximo ao Partido Liberal da monarquía). Poucos meses despois, en novembro, na bisbarra de Tui aconteceron os tráxicos feitos de Sobredo, cando os campesiños negáronse a pagar os foros. A Garda Civil disparou sobre unha concentración de 2.000 persoas, morrendo tres labregos e causando dez feridos. Ao fío destes feitos Basilio Álvarez escribiu no xornal La Zarpa: “Xa temos bandeira, os mortos; xa temos soldados, os campesiños; xa temos patria, Galiza”... No ano 1926 redimíronse os foros. Non era o abolicionismo, mais si un gran paso adiante. 

Te puede interesar