Opinión

Que governe o partido máis votado?

Unha e outra vez o PP repite a consigna de que debería governar o partido máis votado, mesmo non tendo unha maioría de representantes no parlamento ou corporación e que a oposición xunte unha maioría de apoios. Obviando que hai que governar pra todos e todas, mais atendendo a vontade maioritaria, expresada nos representantes electos de cada partido. Entren ou non estas forzas despois no governo, xa que garanten un compromiso de mínimos que axuda á governabilidade. 

De aceptar a proposta do PP poderíase dar o caso de que cun voto moi fragmentado se asumise unha presidencia ou alcaldía, por exemplo por parte dun partido con pouco máis do 30% dos votos, co agravante de que ademais pode representar unha liña política en minoría, ou sexa que confronta coa posición da maioría política e social. Cunha interpretación mecanicista utilizaríanse os executivos pra impoñer medidas sociais, laborais, económicas, etc. que poderían estar contra a opinión da maioría. Ou sexa, que cunha minoría de apoios nas eleccións podería forzar cambios esenciais ou evitar que estes se realicen. A maioría social non perde ese carácter polo feito de estar fragmentada en varias opcións políticas, mesmo enfrontadas en determinados temas, e non contar co partido máis votado. Polo tanto para governar, non abonda con ser a lista máis votada, ademais debe contar cun respaldo maioritario, comezando polo primeiro paso, ou sexa, aquel no que se elixe a dirección das institucións representativas da vontade popular. 

Resulta evidente que esta proposta do PP non é casual, mais implica un novo paso atrás no papel das institucións democráticas, nun contexto onde os organismos executivos van gañando competencias en detrimento dos parlamentos e plenos (o caso da Comisión Europea e do Parlamento Europeo son unha demostración). Trátase dunha visión restritiva da participación da sociedade, acorde con esta estrutura socio-económica piramidal, onde a centralización e concentración da riqueza é cada vez máis forte, malia as criticas formais, porque está ligada á esencia da globalización neoliberal, do capitalismo na etapa senil. Daquela que medre a desigualdade e, como parte do proceso, vaia a máis a fragmentación social e política das clases populares (tamén das elites) e aumente a abstención nos procesos electorais. A isto dá folgos o relato dos principais partidos sistémicos e a ocultación total ou parcial, dos medios hexemónicos, das forzas alternativas con forte estrutura militante (por exemplo o BNG). 

A UE, que se presenta xunto co mundo anglosaxón, como paladín da democracia, utilízanse ademais mil argucias pra modificar a vontade popular, malia que se utilice a loita pola democracia (dende a Revolución Francesa) pra dar leccións ao resto do mundo. Son moitas as eivas e atrancos, pra evitar que o sistema funcione como realmente representativo do sentir e dos intereses da maioría social. Por exemplo en Grecia o partido máis votado obtén un suplemento de 50 deputados/as. En Francia a Reino Unido cada representante da Cámara baixa é electo nun distrito electoral, resultando que os partidos maioritarios manteñen unha grandísima representatividade, aínda que perdan votos nos procesos electorais, e hai forzas que tendo un apoio significativo non obteñen representación ou esta é mínima. 

Un sistema máis xusto e democrático sería o proporcional directo, e nun Estado das Autonomías que cada unha delas sexa o distrito electoral tanto nas xerais como autonómicas. Faga o lector/ra o calculo con calquera das enquisas e verá que os resultados serían máis realistas, na Galiza, aos que saen utilizando os distritos actuais e a Lei de Hont. O máis importante son os contidos, porén axuda no prestixio das institucións que sexan unha fotografía exacta da realidade. 

Te puede interesar