Opinión

O que non se debe esquecer

A Galiza chegou á Segunda República inzada de reivindicacións e arelas que viñan de moi lonxe. Un proceso que tivo seu punto de inflexión coa división en varias provincias do territorio nacional, o que deu lugar á Revolución de 1846, militar e civil, progresista e galeguista. Centos de mortos e feridos, moitos/as persoas perseguidas, enviadas a colonias, outras cruzaron a raia de Portugal. Unha década despois xurde de novo o lume no Banquete de Conxo e collen folgos as ideas de democracia, liberdade e a recuperación cultural; empurradas pola revolta social, especialmente agraria, mais tamén obreira e mariñeira.

En 1887 o Partido Federal aprobou en Lugo un Proxecto de Constitución pra o Estado Galaico, que facía de Galiza suxeito de toda a soberanía. Xermola o rexionalismo. E a partir do novo século a carón das grandes transformacións sociais, da loita contra os foros e das folgas obreiras, e cando o nacionalismo chanta a súa raíz nos corazóns e miolos da mocidade máis lucida, un proceso que nen sequera a ditadura de Primo de Rivera e quen de afogar.

Neste decorrer histórico bebe a chamada xeración Nós. Non todos/as seguiran a mesma andaina, porque non tiñan igual sensibilidade e orixe social, máis reivindican en común a cultura e lingua galega. De facer unha lista sería moi longa e incompleta (Castelao, Anxel Casal, Viqueira, Losada Diéguez, Cabanillas, Villar Ponte, Otero Predrayo, Risco...). Mais Alexandre Bóveda vainos representar a todos, tanto pola súa contribución ao Partido Galeguista, como pola súa entrega e coherencia na defensa da Autonomía galega e da República. Por iso a Irmandade Galega de Bos Aires fixo da data do seu asasinato, o 17 de agosto de 1936, o Día da Galiza Mártir. Alfonso Rodríguez Castelo interpretou como ninguén tanto o momento dramático do fusilamento na Caeira como a lección que se tiña que tirar dos feitos do alzamento militar franquista; sintetizando no no seu debuxo o retroceso histórico que representaba o golpe de Estado.

Alexandre Bóveda Iglesias naceu no ano 1903 en Ourense, e foi asasinado aos 33 anos. Funcionario da Delegación de Facenda de Pontevedra, despois de obter en Madrid o número un nas prazas convocadas. Na cidade do Lérez asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. Na cidade do Lérez amosa a súa capacidade emprendedora: será fundador do Orfeón e da Caixa de Aforros. En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, en 1930 a solicitude deste colaborou no proxecto de Estatuto, e participou activamente na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931.

Bóveda destacou no público e no privado, sabedor de co exemplo é esencial cando se predican cambios que significan unha transformación. Na complexa conxuntura do ascenso do fascismo, destaca a súa postura favorábel á alianza coa Fronte Popular. Xosé Sesto dixo de Bóveda que era un revolucionario, xa que pretendía unha revolución das estruturas económicas e sociais que existían na Galiza dos anos 30, mais non era un marxista. As súas, eran propostas económicas progresistas, que querían eliminar as limitacións que padecía o país a nivel externo e interno; nuns casos pola dependencia de Madrid, do centralismo cástrante, e noutros, por unha sociedade sometida ao control caciquil e mallada pola emigración.

Destacaba a Irmandade Galega de Bos Aires no seu voceiro, A Nosa Terra, que “Ningunha data é máis axeitada que esta pra lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo só “delito” de querer a Autonomía de Galiza e de ser leais á República”. Entre eles salientaba a: Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Blanco Torres, Johan Carballeira, Martínez Garrido,... e moitos outros. Son feitos e persoas que non se deben esquecer.

Te puede interesar