Opinión

Que os povos decidan

Mentres as institucións da Unión Europea debaten canto subir os xuros, e se aumentar ou reducir as axudas ás empresas e familias, e que facer cos impostos, o que amosa ate que punto medraron as contradicións no sistema económico-social e minguaron as diverxencias nos partidos sistémicos, potenciase a confrontación con Rusia, desbotando calquera saída negociada. Aínda que, non se pode obviar, que esta guerra tamén pode ser utilizada como unha gran escusa. Como un xeito de canear as dificultades pra superar a crise e as protestas dunha gran parte da povoación, ante a falta de medidas efectivas que atallen a caída dos ingresos, a desaceleración da economía e o medre do desemprego e da desigualdade.  

O certo é que cada mes que pasa, e cantas máis sancións acumula Washington e Bruxelas contra Rusia (China e outros estados que buscan manter súa soberanía), máis negativas son as perspectivas da economía mundial, e moi especificamente da europea; non tanto a de Estados Unidos e a evolución do dólar (será o que incentiva este camiño). Resulta evidente que a Federación Rusa non  era só a gasolineira de boa parte da UE, senón que ademais tiña un papel estratéxico na exportación de madeira, diamantes, aceiro, cereais, e mesmo de uranio pras centrais nucleares. E isto non se substitúe en nun ano ou dous. 

Mais, a complexidade do camiño e os atrancos que existen é coñecido polos dirixentes do G7/OTAN (non son parvos)... entón: porque priman a saída militar?  Non se trata de que Moscova pretenda conquistar a UE, saben que iso non é realista. Nen tampouco que esmague o dereito de soberanía e autodeterminación, que sempre se interpretou segundo o momento e a correlación de forzas (lembremos a Kosovo). Se fose isto último, con cumprir os acordos de Minsk, e con deter a guerra e facer un referendo con supervisión pactada, nos territorios “anexionados” e que eles voten se queren estar integrados na Rusia ou na Ucraína chegaría, e Rusia non se podería negar, e seguramente apoiaría a súa realización. Mais non é esta a folla de ruta que ten “occidente” senón que quere derrotar a Moscova, porque este é obxectivo, e sempre foi, xa que está en xogo a hexemonía mundial, decidir as regras. Quérese derrotar ou illar a Rusia, China.... 

Malia o avance do exército ucraíno, pola axuda armamentistica, en tropas, e intelixencia militar, a situación pódese reverter en calquera intre, ou converterse nunha guerra de posicións que se alongue no tempo, co que iso implica de desgaste pra Ucraína e Rusia, mais tamén pra o resto do mundo (e Europa), e no caso dunha derrota de Rusia e invasión do seu territorio existe o perigo dunha resposta apocalíptica. A única alternativa realista é a negociación. Non hai outra saída construtiva. A menos que todo se trate, como teño dito nalgún outro artigo, de tensar ao máximo a corda, dividir o mundo en dous bloques, mantendo no máis grande a hexemonía de Estados Unidos, pra logo ir afogando a Rusia-China e aliados. Con esta folla de ruta habería coherencia na postura do o G7-OTAN, sempre que sexan quen de facelo e frear a tempo. 

Agora ben, a maioría das potencias rexionais e países da periferia están apostando pola terceira vía, aquela que lles garanta un futuro cun reparto máis xusto da riqueza e do poder. Tal como se ve nas últimas votacións da ONU, ou na postura que toma a OPEP+ respecto do valor do petróleo. Daquela que, á maioría das nacións condenen a invasión de Rusia e ao mesmo tempo fagan unha análise que toma en consideración os motivos que tiña, condenan as sancións e esixan que se lle poña fin a un conflito que está a xerar múltiples tensións no mundo, e potenciando a crise do sistema. Cómpren novas regras de xogo, e un poder multilateral, e recoñecemento de todas as nacionalidades. 

Te puede interesar