Opinión

Quen pagará o maior custe da enerxía?

As previsións económicas dos organismos internacionais, ligados ás grandes potencias e a unha aposta polo neoliberalismo, destacan en cada nova análise un menor medre do PIB e unha caída máis morna da inflación. Mais a cuestión é: quen sufrirá con este reaxuste de gastos e ingresos e en que proporción? Todas as crises anteriores anteriores, foron resoltas aplicando as normas do capitalismo, polo que terminaron agrandando a desigualdade social, a pobreza e marxinación. E reverter este escenario, naqueles países que se conseguiu, foi a costa de enormes loitas sociais e políticas. Mais, estas recuperacións dependeron en boa medida de que a nación en cuestión saíse do reaxuste cun rol máis importante na cadea de valor ou cando menos non perdese o peso que xa tiña. 

En principio, este novo axuste que vai a afectar á Unión Europea no seu conxunto. Máxime cando a UE non só esta metida de cheo nun proceso de transición enerxética, pra que a produción sexa neutra respecto do clima, senón que engade un maiores custes dos subministros tradicionais por mor das sancións a Rusia, que se converteron nun búmerang. Ademais, no caso concreto do Estado español non só afecta o gas e o petróleo fornecido por Rusia, que era mínimo, senón tamén aquel que proviña de Alxeria, que era o primeiro subministrador, xa que se abriu con esta nación unha fenda política e comercial ao entregar a Marrocos o Sáhara occidental. Ignorando Sánchez non só a postura da maioría do Congreso, e a actitude mantida historicamente, senón tamén as resolucións da ONU respecto do dereito de autodeterminación deste territorio ocupado. 

Lembremos que o custe da enerxía reflíctese no ciclo produtivo, nos fogares e na mobilidade, polo que a distancia entre produtor e consumidor non é algo secundario. Especialmente cando, como no caso concreto da Federación Rusa, non só é o principal provedor de carbón, petróleo e gas, senón doutros produtos como metais, fertilizantes, cereais, madeira, etc. A súa substitución, por razóns políticas, pra primar a alianza cos Estados Unidos, xa que este quere manter a súa función imperial no mundo, implica pra Unión Europea, ademais dun maior gasto militar, un encarecemento dos bens importados e tamén daqueles producidos no propio territorio. E isto significa perder capacidade competitiva, emprego e salarios. Non só en beneficio do Estados Unidos senón tamén de estados asiáticos, como China e India, etc. que contaran cunha maior oferta de enerxía e materias primas de Rusia. 

Na derradeira década o PIB da Unión Europea caeu varios puntos en relación coa renda mundial, coas medidas tomadas agora, resulta evidente que este retroceso reforzarase. E non será Estados Unidos quen o evite. Neste mesmo momento, pra alén das sancións a Rusia, Washington esta mercando petróleo desta potencia pra aumentar as reservas de cru pra o inverno (e a UE di ren). Polo tanto, a quen máis lle interesa que remate pronto a guerra na Ucraína, é tanto a este país afectado como á UE. Daquela que resulte incompresíbel que Bruxelas non aposte forte por abrir negociacións en lugar de botar máis lume no conflito. 

Dentro de cada estado non van a sufrir todos e todas por igual os custes da crise. A do 2008 e anteriores deixaron en evidencia que as máis prexudicadas son a clase traballadora, as persoas autónomas e as pequenas empresas (aumento da pobreza, migracións masivas, desregulación do traballo, como resultado do aumento da desigualdade, da inxustiza). E esta é unha tendencia xeral en todo o mundo, coa diferenza de que é máis patente nos países que teñen un papel periférico e/ou subordinado,... Urxen cambios, non só enerxéticos ou tecnolóxicos, senón tamén nas relacións entre os países, nos comportamentos humanos, no sistema produtivo.

Te puede interesar