Opinión

Reelección ou novas eleccións?

Despois da reunión do rei coa maior parte dos partidos que integran o Congreso, xa que Bildu, ERC, Junts e BNG, por coherencia, dado seus proxectos republicanos e soberanistas, decidiron non asistir, máxime cando o encontro ten valor como tramite e un carácter simbólico, todo indica que Pedro Sánchez (PSOE) ten moitas posibilidades de ser electo. Sei que tanto a dereita (PP) como a extrema dereita (Vox) dan folgos na sociedade á confrontación en temas básicos pra Cataluña (amnistía, referendo...) pra que fracase a negociación cos partidos soberanistas. Coidan que deste xeito é posíbel forzar a abstención de Junts, cando se presente a candidatura de Núñez Feijóo, ou como última opción que a falta de apoios a Sánchez deixe como única saída unha nova convocatoria electoral. 

Só considerando como posíbeis algúns destes dous escenarios, que impedirían a reelección de Pedro Sánchez, pódese entender que o PP teime na proclamación da súa candidatura, co que iso implica: debate público de programas, e unha probábel derrota da candidatura que se escenificaría diante da povoación, aínda que sexa por moi poucos votos. Os seus efectos serían moi negativos pra dereita, tanto se Sánchez acada unha maioría de apoios e resulta elixido presidente, como se a postura de Junts forzase unha nova convocatoria electoral. Evidentemente a dirección do PP non o valora así. 

Sendo xustas as reclamacións de ERC e Junts en relación coa amnistía, máxime cando atinxe a millóns de persoas que participaron nun proceso pacifico e democrático como é un referendo, outra cuestión é que se discuta desde as estruturas do Estado ter que aceptar o resultado (o que tamén amosa seus medos). Motivo polo que as forzas centralistas (españolistas) consideran a súa simple realización un acto delitivo, e ademais utilízano pra dar unha “lección” á sociedade catalá. Son actitudes autoritarias que non axudan á normalizar o debate, a dar cabida ás diferenzas, á aceptar a pluralidade... hai partidos que alentan o conflito pra favorecer seus intereses, e non a búsqueda de puntos de encontro que normalicen as relacións políticas e sociais. Cando, pola contra, acéptanse como lóxicas a cesión de competencias con a organismos da UE, mais non é así cando se trata de recoñecelas pras nacionalidades no Estado español. Non terá moito que ver, aínda que se agoche como un Estado das Autonomías, que en realidade sigue vixente o principio de centro e periferia. 

Sendo certo que nesta conxuntura os partidos soberanistas teñen nas súas mans quen governe ou que se convoquen novas eleccións, xa que as negociacións dependen no esencial de ERC e Junts, especialmente desta última. Agora ben, pra eles tampouco é unha situación doada, tanto porque hai milleiros de persoas afectadas polas medidas represivas por mor do referendo, como porque o retroceso electoral nestas eleccións foi moi grande. Votos que no esencial foron á abstención e ao PSOE. Unha nova convocatoria non semella que dea tempo abondo como pra modificar esta tendencia, que afectaría a correlación de forzas, e polo tanto ao proxecto soberanista a medio prazo, ou sexa, á folla de ruta. Tanto o PSOE como o soberanismo catalá necesítanse neste intre, sen por isto deixar de representar proxectos distintos, mesmo en disputa en aspectos esenciais. 

Houbese sido positivo pra Galiza que o BNG, que creceu en votos, estes fosen os necesarios pra ter grupo propio. Neste mundo tan globalizado e no que está en debate a refundación do sistema tanto a mobilización como a presenza institucional ten valor, non só pra facer ruído e que saiban que existimos e que reclamamos, senón tamén pra ser necesarios cando se deciden competencias, investimentos públicos, etc. Ter forzas propias fortes é básico, Cataluña e Euskadi son unha lección.

Te puede interesar