Opinión

As regras da UE 
non son neutrais

AUnión Europa informou ó Estado español que supera o déficit pactado, polo que deberá realizar un esforzo extra de axuste no orzamento pra este ano, que se valora en 25 mil millóns de euros. Aínda que o Executivo faga como que lle sorprende, non é ningunha novidade; isto responde ás promocións electorais que realizou pra gañar votos e manterse no governo, co consentimento de Bruxelas. Non deu resultado, todo fai pensar que Rajoy non repetirá como presidente, polo que a UE adiántase reclamando axustes, que saben terá que aplicar a oposición, dando a entender que non lle fará concesións, pra obrigalo a continuar coas políticas de axuste social e laboral.

A obrigación de axustar o déficit ás decisións da Comisión, ou sexa, dos intereses dos estados máis fortes, reflicte ate que punto o Estado español (e Galiza) está condicionado nas políticas macroeconómicas e no ámbito social e laboral. Imposicións que afogarían a leve melloría da economía, moi dependente da conxuntura (prezo do petróleo, troco euro/dólar, conflitividade en países competidores en turismo, etc.). Mais non se pode ignorar que mesmo con estas pexas, as clases dominantes do Estado español apostan por esta alianza, porque manteñen e mesmo amplían os beneficios e a riqueza. Se non fose así, estarían propondo, en principio, a saída da eurozona, e se fixese falla, o abandono da Unión Europea, xa que a soberanía reside nos estados. Neste aspecto, que o Governo bote balóns fóra carece de sentido.

Que se rebaixe o déficit é unha proposta lóxica. Porén, dado que a emisión de moeda está en mans do Banco Central Europeo, os únicos recursos que lle quedan ao Governo central son o aumentar os impostos ou reducir os gastos. Durante o Governo de Rajoy optouse por reducir o gasto social (dependencia, pensións, etc.), e pola contra, manter as subvencións ás empresas. No capítulo de ingresos, rebaixouse a presión fiscal ás sociedades e aos altos salarios e grandes fortunas, e aumentáronse os impostos indirectos, aqueles que afectan en maior proporción aos que teñen ingresos baixos. As axudas á contratación pras empresas e pra favorecer os novos autónomos foron en contra da Caixa da Seguridade Social, á que agora se culpa do exceso no déficit. O Governo dicía que estas achegas e a rebaixa do IRPF ían ser compensada polo medre da economía. Non foi así. E por suposto, sabíano previamente.

A solución progresista pra o déficit pasa por aumentar o imposto de sociedades, recuperando o que había hai unha década (e eliminar as excepcións). Non pode ser que os impostos ao capital, estean de media por debaixo do que pagan os salarios. En resumo, pra non me estender no tema, é necesaria unha reforma fiscal progresista e progresiva, especialmente do IRPF. A saída non pode ser, máis unha vez, seguir reducindo impostos aos que máis teñen (o Estado español é o segundo de maior desigualdade da UE), e de seguido utilizar o argumento do desequilibrio no orzamento, pra rebaixar prestacións e servizos sociais.

Resulta evidente que medidas como as propostas contradín o guión neoliberal da Comisión Europea, e que esta ten recursos políticos e económicos como pra atrancalas. Mais, se así fose, sempre existe a posibilidade de deixar a eurozona. Non sería tan tremendo como se pinta. Despois de todo, a Unión Europea está liquidada como proxecto. Non é garantía de paz, cando está metida a tope en conflitos como os da Ucraína, Siria, Libia, etc. Non é un modelo alternativo a Estados Unidos, senón un espazo cada vez máis subordinado no militar, económico, social e cultural.

Por último. Núñez Feijóo ponse como exemplo no cumprimento do déficit, en comparanza con Catalunya. Mais, quen non trocaría a situación demográfica, económica, social e cultural de Galiza pola que ten Catalunya?

Te puede interesar