Opinión

Rematou o axuste laboral?

OGoverno central está contente, inzado de optimismo, xa que medran o PIB, o emprego e os ingresos fiscais. O crecemento supera as previsións previas, tamén no referente ás exportacións de bens e servizos. Agora ben, aparecen algunhas diverxencias. Mentres Fátima Báñez di que chegou o momento de recuperar os salarios, Luís de Guindos chama a manter a austeridade, pra consolidar o crecemento. Non expresan diferenzas de fundo, só falta de coordinación. Ou que o Ministro de Economía fai de “poli malo”. A postura de De Guindos é sen dúbida a oficial. 

A realidade reflicte que, pra alén do discurso de Báñez pra agrandar méritos e gañar complicidades,  na Unión Europea prima o axuste social. Dende a dereita ate a socialdemocracia liberal, os partidos están comprometidos con políticas laborais restritivas. Tanto rebaixando os custos salariais, como aumentando a precariedade en todas as súas formas (falsos autónomos e becarios, temporalidade, traballo en negro), ou diminuíndo a presión fiscal ao capital, privatizando e reducindo servizos e prestacións públicas (ensino, sanidade, desemprego, pensións, dependencia, etc.). 

O argumento da patronal e da dereita política é que hai que competir con China e que a metade das empresas seguen en números vermellos. Agora ben, China xa ten salarios medios superiores a México, Romanía e Bulgaria, e as razóns polas que moitas empresas son inviábeis pouco teñen que ver cos custos salariais, especialmente nun contexto onde a concentración e centralización da riqueza e do poder van a máis. Por esta razón, a desigualdade non deixa de medrar en todos os ámbitos: no territorial entre o centro e a periferia, entre o traballo e o capital, dentro da propia clase traballadora, e tamén entre empresas na taxa de beneficios. 

O retroceso dos salarios en máis dun 9% durante a chamada crise, é unha expresión máis desta tendencia dominante, consubstancial co capitalismo nesta etapa. Responde a unha correlación de forzas adversa, e a un sistema que xa non se pode expandir no territorial. Por este motivo, ten como única vía de ampliación: aumentar a explotación da forza de traballo, e dar pulo ao intercambio desigual e ás relacións de subordinación, mesmo a través da intervención militar. 

O medre do PIB no Estado español non é consecuencia de cambios no modelo produtivo, senón da flexibilidade cuantitativa do BCE, e moi especialmente, do auxe do turismo aproveitando situacións de inestabilidade en países competidores. Incidiron outros dous factores, como a queda do prezo do petróleo e unha relación euro/dólar favorábel ás exportacións. Estas dúas últimas vantaxes xa non teñen a mesma intensidade. O petróleo aumentou, aínda que non a prezos de hai unha década, e o euro revalorizouse fronte ao dólar. Son feitos que afectan á economía, e polo tanto ao emprego, máxime nun contexto internacional tan complexo e volatil. Ate que punto incidirá negativamente os vindeiros anos? Sen dúbida dependerá de que se camiñe ou non, cara un desenvolvemento máis autocentrado e sustentábel, menos dependente dos centros de poder exteriores, e dos intereses das grandes corporacións internacionais, e a un reparto máis xusto do traballo e da riqueza. 

Outro aspecto que resta veracidade ao discurso do Governo central, pra alén da perda de emprego neto e dos retrocesos nas condicións de traballo nesta década, malia volver aos valores do PIB anteriores á crise, é que o custo pagado polas autonomías non é o mesmo. Por exemplo, Madrid aumenta a súa participación en PIB e demografía. Mentres Galiza perde habitantes, pola emigración e avellentamento. Ademais o medre do PIB por persoa faise a costa de sacrificar povoación, e con maior desigualdade, e con boa parte do capital en maus foráneas. Non é  un crecemento con futuro.  

Te puede interesar