Opinión

República e confederación, que o povo decida

Coa aprobación dos orzamentos semella que a coalizón PSOE-UP ten garantido que rematará a lexislatura. Neste caso, máis unha vez, foron esenciais os votos do soberanismo catalán e vasco, e doutros partidos menores de ámbito estatal ou local. O nacionalismo galego optou pola abstención dado que non conseguiu que o PSOE votase por ningunha das emendas parciais que presentou, respecto do investimento en infraestrutura, contra o desmantelamento industrial, en defensa da lingua, a prol da igualdade de xénero, etc.

Algúns analistas aproveitaron que estas propostas en beneficio da nación galega foron rexeitadas, non pra destacar o trato negativo que se nos dá (abonda só con ter en consideración os anos que se adiou a construción das autovías coa meseta e agora o AVE), senón que puxeron o acento en que amosaba que o BNG tiña un papel irrelevante no Congreso. É verdade que un deputado é unha representación mínima, porén aproveitou todas as oportunidades pra conseguir melloras pra o povo galego, tanto nesta lexislatura como nas anteriores que estivo presente.

Resulta evidente que Nestor Rego cumpre súa función e que non regala o voto, daquela a abstención. Porén a cuestión de fondo é outra: porque os/as parlamentares do PP e PSOE elixidos polos votos das galegas e galegos non conseguen que o noso país logre máis investimentos, tendo en con sideración a situación de desmantelamento de industrias estratéxicas, unha evolución demográfica preocupante, e unhas condicións laborais negativas en contraposición coa inmensa concentración da riqueza nunha minoría.

Tampouco se pode obviar que os/as parlamentares do PP e PSOE, que representan a Galiza no Congreso, contrasta coa que manteñen os grupos soberanistas, mesmo os partidos locais, aos que tanto critican. Xa quixeramos na Galiza termos as condicións sociais e laborais de Euskadi e Cataluña. A comparación é indicativo da práctica dos últimos anos, non dunha situación concreta na que o PSOE manobra pra non dar folgos ao BNG, aínda que sexa a costa dos intereses do povo galego (por exemplo en relación coa nacionalización de Alcoa). O BNG foi quen de obter melloras cunha representación mínima, o que reflicte o que se podería conseguir cunha maior presenza no Congreso e Senado. Se fose así, aproveitaríanse as situacións nas que o Governo do momento necesitase de apoios parlamentares, e os obxectivos o merecesen, superando deste xeito o carácter subalterno que se lle dá a Galiza por parte das forzas estatais. Esta é a conclusión que se tira das últimas décadas, pra alén das excepcións.

Non se pode valorar a intervención de Nestor Rego como independentista, por pedir a soberanía e unha República Galega. Isto é o que reivindica o galeguismo-nacionalismo dende o Proxecto de Constitución do Partido Federal de Galiza en 1883-1887, que propuña a integración do Estado Galego nunha federación-confederación, á que o Partido Galeguista sumou Portugal. Neste tema non hai conflitos no BNG. A conquista da soberanía pódese lograr coa independencia, porén tamén cunha confederación, e nesta correlación de forzas e conxuntura histórica este é un obxectivo que conta con máis apoios naqueles/as que procuran ou aceptan que o povo galego sexa quen decida.

A imposición centralista non se pode manter indefinidamente, máxime nesta etapa histórica onde o mundo amosa seus límites ecolóxicos, o capitalismo está esgotado, a confrontación entre potencias é tan aguda, e a desigualdade entre territorios e entre clases sociais non deixa de medrar. Ficamos diante dun novo e duro axuste no que os galegos e galegas dende a solidariedade debemos defender nosos dereitos económicos, sociais, culturais, lingüísticos, de xustiza social e democracia. República e Confederación: que o povo decida. Quen ten medo?...

Te puede interesar