Opinión

Retorno polémico 
de Castelao

Hai agora tres décadas que os restos de Castelao voltaban á Galiza. Unha data que debeu ser de festexo á figura máis egrexia do galeguismo converteuse nunha xornada de tensións, de desacougo, porque o retorno fíxose sen respectar a postura daqueles que eran os principais seguidores do seu legado político. A data non era casual, o 28 de xuño, coincidía coa aprobación en 1936 da Autonomía galega. Tanto no aeroporto como no mosteiro de Bonaval estaban algúns amigos de sempre, como Martínez López, Paz Andrade, Xaquín Lorenzo, Pousa Antelo, Antonio Fraguas,... xunto ás autoridades políticas do momento, que non comungaban precisamente co ideario de tan sobranceira figura do nacionalismo, e que o gababan exclusivamente como un gran debuxante e mesmo algún xornal referíase a el como o “poeta de Rianxo”, agochando que foi a figura chave do Partido Galeguista e do Estatuto de Autonomía, e deputado nas Cortes da Segunda República.

Eran moitas as contradicións, os encaixes forzados, dando lugar durante os actos a conflitos protocolarios entre os vellos galeguistas, e forzas de esquerda que apoiaron o retorno, como o PCG, coas autoridades da Xunta de Galiza, presidida por Fernández Albor. Mais a confrontación deuse especialmente con varios milleiros de persoas que ocupaban as rúas anexas ao mosteiro, convocadas por aqueles que se opuñan ao regreso dos restos, nun Estado das Autonomías que negaba o dereito de autodeterminación. Alí estaban BNG e UPG, aos que se sumaron o MCG, a CNT e galeguistas independentes. Houbo empurróns, cargas policiais e barricadas durante unha hora. Consecuencias: feridos e detidos. Mentres se celebraba o funeral, os nacionalistas realizaron unha concentración no Toural e despois unha manifestación cunhas 1.500 persoas. Xosé Abraira diría: “na Arxentina todo o respectaron, mais eiquí, se non son estes rapaces, pasa sen pena nen gloria”. Amosaba así o seu desacougo por como se organizou o retorno dos restos de Castelao.

Durante a miña militancia na Irmandade Galega de Bos Aires tiven oportunidade de me achegar á súa obra máis significativa, Sempre en Galiza, e a outras publicacións que tiraba do prelo Galaxia, e que vendía Manuel Pedreira na capital do Río da Prata. Outros textos fóronme regalados por vellos galeguistas da Irmandade, que antes o foran da Pondal, como aconteceu con As cruces de pedra na Bretaña, publicado polo Seminario de Estudos Galegos. Neste caso, cedeumo Daniel Nogueira da Unión Quiroguesa, pensando que aquel mozo que consideraba a Galiza unha colonia podíalle dar bo uso.

Outro vello galeguista, Moisés da Presa, era moi crítico coa contorna de Castelao, encetando por Rodolfo Prada e rematando por Abraira, mais valoraba con moito agarimo ao rianxeiro. Da Presa escribía en A Nosa Terra a columna Revoldaina dende mediados dos anos corenta, e previamente tivo unha importante participación na Sociedade Nazonalista Pondal e na fracasada creación do Partido Comunista Galego. Por el, sabería da historia do “Gallego Soto”, xa que mantiñan contactos epistolares; o libro de Osvaldo Bayer “La Patagonia Rebelde” escribiuse anos despois, en 1973. Mesmo para un arredista como Da Presa, Castelao era un galeguista integral, entregado á causa, unha persoa que amaba o povo, a nosa cultura e lingua.

Pasaron os anos e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao segue máis presente que nunca, nas súas reflexións sobre o país, as relacións con Portugal e con España, na súa capacidade para comunicar coa sociedade. Os seus debuxos eran a televisión da época e neles, con moi poucos trazos, deixaba en evidencia as contradicións sociais, nacionais e políticas latentes na Galiza. Mais non se limitou á caracterización e a xerar conciencia social, propuxo un proxecto político e unha folla de ruta, que só a barbarie impediu que fose a máis.

Te puede interesar