Opinión

Reverter a desigualdade e dependencia

A experiencia amosa que tanto cos governos do Estado español (EE) progresistas como conservadores as políticas económicas fundamentais seguen os criterios marcados por Bruxelas, ou sexa, fortalecemento da globalización neoliberal en beneficio dos grandes grupos económicos. Polo que malia a confrontación de intereses de “occidente” coas potencias emerxentes (BRICS e compañía) e da crise económica actual por mor das sancións e a ruptura de cadeas produtivas fundamentais (por exemplo a enerxía rusa) os beneficios das grandes empresas e fortunas non deixan de medrar, tamén nos países que constitúen o centro do sistema, mesmo cun papel subimperialista, como é o caso do EE. 

Daquela que a desigualdade social, a desfeita ecolóxica, a violencia en todas as súas formas, incluída a guerra, etc amosan esencialmente o carácter senil do sistema, así como unha tendencia cada vez máis determinante que consolida un mundo multipolar. Neste contexto de estrema fragmentación, febleza dos relatos, e unhas perspectivas de futuro incertas, é lóxico que o nacionalismo galego, nesta correlación de forzas, opte co seu voto nas institucións por evitar governos de dereitas. Ou sexa por impedir que se agrave o marco social e económico pras clases populares, se resten ou invertan dereitos autonómicos, e, como se reflectiu estes meses que forzas políticas de estrema dereita fagan do “españolismo” arma contra a recuperación plena da lingua, cultura, historia e soberanía propia da nación galega. 

Neste aspecto o acordo entre o PSOE e BNG pra apoiar a candidatura de Pedro Sánchez, aínda estando moi lonxe de constituír un paso decisivo na reclamación dos dereitos nacionais e de medidas que transformen o papel que Galiza cumpre na cadea de valor, sen dúbida, de se cumprir permitiría avances en materia de infraestruturas (estradas e carril de ferro), melloras que afectan pensións e dependencia, normalización lingüística, etc. No acordo destaca, e é importante que sexa así, que: “impulsaránse a través do dialogo entre partidos e institucións, as reformas precisas pra adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza. Tendo en conta o actual status da Galiza, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, comprometerse a que calquera modificación da estrutura do estado asegurará á Galiza o mesmo status que as dúas outras (...) Avanzar no reforzo da capacidade de decisión de autogoverno galego, mediante a proposta dunha convocatoria de Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galiza (antes de final de 2023) pra programar, ao longo da presente lexislatura, a activación de transferencias da totalidade das competencias recollidas no estatuto de Autonomía de Galiza, así como das competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento de Galiza”. 

Estes son pasos adiante que teñen importancia pra o noso país, máxime tendo en consideración o retroceso que implicou a globalización neoliberal, a centralización do poder político e económico en Madrid e Bruxelas. Polo que ten lóxica forzar e apoiar a un governo de “progreso” no Estado. Resulta difícil de entender os grandes esforzos que o PP está a realizar pra evitar que se consolide esta opción, mesmo utilizando a acción directa nas mobilizacións, e sobre todo que empregue os vellos argumentos do centralismo españolista. Neste caso o anticatalanismo, pra forzar unhas novas eleccións que agrandarían os pasos atrás en materia social e democrática, vendo o exemplo nas autonomías nas que governa co apoio de Vox... 

Menos confrontación de estereotipos e máis debate de proxectos, de avances no reparto do PIB entre clases e nacionalidades... A meta: rematar coa desigualdade social e a dependencia neocolonial da Galiza. 

Te puede interesar