Opinión

Sacrificios necesarios?

Ocapitalismo neoliberal morreu por mor da revolución tecnolóxica. Esta formulación lapidaria é do xornalista británico Paul Mason. Nunha recente entrevista, afirma que será substituído por un modelo cooperativo, grazas a unha renda básica universal, duns 9.000 euros/ano, que permitirá que cada persoa decida como será a súa existencia. En poucas palabras, o sacrificio, mesmo a prisión e perda da súa vida, desa riada de persoas que loitaron por un mundo solidario, por un reparto máis xusto do traballo e da riqueza, non foi nen é necesario, xa que o avance técnico levará irremediabelmente a isto. Sería tocar o ceo coas mans, pra todas aquelas persoas que non teñen emprego, ou que despois de traballar 50 horas á semana non chegan a esa cantidade “salvadora”, por non falar dos que viven nos países periféricos, dependentes, que son a maioría da humanidade. 

A hipótese anterior non é nova. Dende o inicio da revolución informacional, teorízase sobre o fin do traballo. Porén, cal foi a evolución malia os grandiosos avances científico técnicos? Se analizamos a situación nos países centrais do sistema, que deberían ser vangarda na aplicación das teses de Mason, a evolución é a inversa. Cada día trabállanse máis horas, a un maior ritmo, e incorporouse  unha proporción maior da povoación en idade laboral, mesmo que medrase a man de obra de reserva coa finalidade de baixar os salarios, forzándose os procesos migratorios e a deslocalizacion empresarial. Entón, porque a tendencia ía ser distinta no futuro? Nos únicos países onde existe unha renda parecida, algunhas monarquías do Golfo, isto é posíbel porque case todo o traballo é realizado por man de obra estranxeira sen dereitos e con salarios mínimos, e grazas á renda enerxética. E, por certo, está en revisión, pola queda dos prezos das materias primas. Alí onde existen coberturas moi amplas, por exemplo nos países nórdicos, están en cuestión, xa que terminaron consolidando bolsas de marxinación, por mor dunha maior explotación da clase traballadora, sen ningún custe pras clases dominantes, xerando tensións nas clases populares. 

Ademais, se a xente ten garantida unha renda básica só por nacer, o lóxico é que baixe a proporción daqueles que participan do traballo necesario, sexa porque non lles apetece ou por carecer de incentivo, afectando aos recursos dispoñíbeis. Daquela, quen debería traballar e quen non? Non sería máis lóxico e xusto que se rebaixase a xornada laboral, que as retribucións fosen dignas, rematar coa cobiza dos donos do capital (e aliados), e que todos e todas colaboren no sustento da humanidade. Resulta evidente que por maior que sexa a tecnificación, o ser humano debe ter un papel central, a menos que as maquinas adquiran ese protagonismo. Se fose así, xa non importaría contar cunha renda básica universal. Tampouco se pode ignorar que tanto a economía como o traballo están globalizados polo que, de se adoptar a renda básica universal nun país cun ingreso moi alto, non habería fronteiras que puidesen impedir a entrada masiva de persoas, rachando o equilibrio orzamentario. 

Por máis que os espellismos sexan moi atractivos, o certo é que o traballo segue sendo central, e sempre o será pra os seres vivos. A produción de bens está condicionada polo esforzo colectivo.  Deben existir excepcións solidarias: as persoas dependentes, ben sexa por idade ou por limitacións físicas ou psicolóxicas. Non sendo así, o xusto, o progresista, é que a toda persoa se lle garanta traballo, público ou privado, e un salario digno. E pra que isto se estenda a toda a humanidade, cómpre rematar co imperialismo, coa explotación, e que os países máis avanzados apoien os que veñen detrás. E estes obxectivos non se conquistarán gratis. 

Te puede interesar