Opinión

Scioli ou Macri: unha disputa entre peronistas

Asituación política Arxentina non é doada de analizar nen pra aqueles que coñecemos ben o país. Sempre houbo moitos partidos que aparecían e desaparecían, xuntábanse e dividíanse ao pouco tempo. Porén, dende os anos cincuenta o peronismo e os radicais (liberais reformistas en orixe) dominaron o panorama político, nas épocas nas que os militares non impuñan unha ditadura. Socialistas e comunistas eran opcións minoritarias. Despois da crise económica, social e política, de principios deste século, con De la Rúa no governo (un radical) este bipartidismo saltou polo ar, e as distintas versións do peronismo pasaron a ter hexemonía electoral. 


Do peronismo fanse en Europa análises simplistas, que van dende consideralo unha forza neo-fascista ate os que a consideran unha opción populista. En realidade o peronismo quixo ser unha terceira vía entre o capitalismo e o socialismo, apoiándose na burguesía nacional e na clase obreira. O peronismo deu poder institucional ao sindicalismo, fixo planos quinquenais, industrializou o país, nacionalizou os ferrocarrís, a enerxía, etc, e deu pulo a servizos públicos como o ensino e a saúde, sempre dende opcións de conciliación de clases, se cadra por mor da influencia dos dirixentes que proviñan da democracia cristiá. A medida que Estados Unidos se recuperou da Segunda Guerra Mundial foi ocupando o espazo perdido (o propio e o de Inglaterra), e un golpe militar rematou en 1955 co governo de Perón. 
Os militares atoparon arroupe na oligarquía rural exportadora e en sectores da burguesía industrial que tiñan a ilusión de que podían competir nos mercados máis avanzados, e pra os cales a esa altura o peronismo e a fortaleza do sindicalismo eran un atranco. Cobiza e utopía moi común pra satisfacción do imperialismo. O golpe de estado militar,, a intervención dos sindicatos e a prohibición do peronismo (xusticialismo), reforzou no imaxinario colectivo a idea de que este tratabase dunha alternativa ao servizo das clases subalternas. O retroceso social, a represión das ditaduras posteriores, e a falta de resultados positivos dos governos do Partido Radical, alentaron esta hipótese. 


No peronismo están hoxe todas as opcións ideolóxicas, dende as máis de dereita ate a esquerda marxista, especialmente despois de que Menem lle incorporara o neoliberalismo como unha opción máis. É así porque a inmensa maioría do povo síntese peronista. Son un celeiro pra os que queren recrear o peronismo e pra os que procuran o voto mediante o disfrace. Polo tanto, fóronse esvaendo as diferenzas cos partidos non peronistas, como é o referente nacionalista, xa que o neoliberalismo é globalizador por definición (tamén o capitalismo, mais este sería outro debate).


Daquela, que non sexa estraño que os tres candidatos máis votados teñan relación co peronismo,  ofrezan propostas económicas moi semellantes, e marquen as principais diferenzas nas relacións exteriores e o peso que van ter no orzamento as políticas asistenciais. Scioli seica seguiría a liña de Cristina Fernández pra consolidar un bloque latinoamericano equidistante das potencias occidentais e das emerxentes, pra o que cómpre reducir a dependencia das primeiras. Macri e Massa, sen rachar totalmente os nexos comerciais con China e Rusia, optarían por unha volta ao redil de Washington.

Non existen  diferencias de modelo, senón de grao de independencia e de intensidade das políticas sociais. Se cadra, o pouco acusado das diferencias, que todos dean folgos ao sector da soia, da megamineiría, das corporacións propias e foráneas, e os problemas de seguridade, incidiron en que o kirchnerismo non teña garantida a continuidade. Mesmo así, de gañar Macri sería un paso atrás no laboral e social, e na construción dunha América Latina con peso propio.

Te puede interesar