Opinión

Seguimos directrices... e así nos vai

Todo indica que as eleccións do 5-A estarán moi pelexadas, se temos en consideración as enquisas e as últimas eleccións. Tampouco se pode obviar a abstención, xa que normalmente sobe nas galegas respecto das xerais e municipais (entre 3 e 4 puntos), e sabemos que isto afecta fundamentalmente á clase obreira e á mocidade, ou sexa potenciais votantes da esquerda. Tampouco se poden obviar as mudanzas demográficas, emigra xente nada no país e recibimos numerosos inmigrantes, ao que hai que engadir o voto exterior. Todos estes aspectos suman, tamén o papel dos grandes medios de comunicación e dos distintos poderes fácticos, abonda con analizar procesos electorais anteriores. 

É verdade que a tendencia no Estado, que sen dúbida nos atinxe, reflicte un moderado medre da esquerda e do soberanismo en detrimento do bloque da dereita. Mais na Galiza, como en Cataluña e o País Vasco, existe unha dinámica propia, consecuencia da maior ruralización, de experiencias históricas e de comportamentos sociais e culturais. Asemade, o PP malia que apoia ás políticas centralistas de Bruxelas e Madrid, mesmo que deu pasos atrás con Feijóo na normalización lingüística (tanto na lexislación como en recursos), esta a evitar o choque, mesmo fai declaracións puntuais autonomistas, sabendo que o tempo xoga a prol do centralismo e contra as identidades nacionais subalternas. 

Polo tanto a batalla nesta campaña estará centrada nas cuestións económicas, por exemplo nos 370 millóns de débeda por parte do Estado, remarcando que se dan privilexios a Cataluña e Euskadi, nunca a Madrid, malia que sexa o territorio máis favorecido polas políticas económicas e sociais desenvolvidas, vexase a dinámica económica e demográfica. Como se reparten os orzamentos entre territorios é un tema importante, porén tamén quen paga os impostos, xa que as grandes empresas e fortunas ademais de soportar cada día menos presión fiscal utilizan todo tipo de mecanismos legais (e ilegais) pra eludir impostos. Tamén sería necesario un debate sobre o reparto de recursos entre o Estado, as autonomías e localidades, e dentro destas últimas o trato especial que reciben as grandes urbes. Pra relativizar o papel das nacionalidades? 

Estas eleccións na Galiza tamén están condicionadas polo pacto entre o BNG e o PSOE, co gallo da investidura de Pedro Sánchez como presidente, comprometendo medidas a prol da industria galega, do transporte, a igualdade de trato con Euskadi e Cataluña en relación coas competencias e status xurídico. Tamén se reforzan as propostas de derrogación da reforma laboral, lei “mordaza”, Lomce, etc. Isto axuda ás boas expectativas do BNG, que reflicten as enquisas. O medre xa viña de antes, máis este acordo deixou en evidencia a validez da súa presenza e puxo en cuestión o papel que xogan outros partidos no Congreso (mesmo algúns que se supuña máis ligados a Galiza). Asemade , coloca tanto ao PSOE como a Unidas Podemos (e Anova) diante do foco nos temas pactados. 

Agora ben, pódese entender que pra facer efectivo o relativo á AP9 haxa que esperar a que se aproben os orzamentos, mais ese non é o caso das centrais térmicas, das empresas electro-intensivas e dos estaleiros, tampouco da reforma laboral, etc. Non executar estes temas poríallo doado a Feijóo pra atacar ao PSOE e Unidas Podemos. O medre do BNG non chega pra derrotar ao PP, cómpre que o PSOE creza abondo e que UP+EU+Anova recúen o menos posíbel. Non sería un problema menor. Lembremos que nestes 11 anos de PP a nación galega retrocedeu en habitantes respecto do Estado español, agudizou a diverxencia entre comarcas e a desfeita do mundo rural, e medrou a precariedade, a desigualdade, e a emigración da mocidade. Carecemos dun proxecto propio, de País, só seguimos directrices... e así nos vai.

Te puede interesar