Opinión

Seica falta man de obra

Os datos son contundentes, temos na Galiza un 10%-11% de desemprego, que non é precisamente unha porcentaxe pequena, máxime tendo en conta que unha parte da mocidade emigra, co que iso implica en exportación de capital humano. Porén, segundo a patronal falta man de obra no país ou as persoas que buscan traballo non son as que necesitan as empresas, ben por falta de cualificación ou porque calquera outra razón (por exemplo a idade, hoxe non é doado atopar traballo tendo máis de 55 anos). O preocupante é que a Xunta na práctica fai seu este argumento, sen ter en consideración que a eiva está en que a gran maioría das ofertas de emprego non se cubren polas malas condicións laborais que se ofertan: salario, xornada laboral, tipo de contrato, etc. 

Sempre debe ser unha prioridade reducir o desemprego, máxime cando as taxas son tan altas, e se fose necesario ademais axeitar a formación profesional á demanda. Ademais, agravase o problema do paro e das familias en situación de precariedade cando se aumenta a man de obra de reserva artificialmente, especialmente aquela que ten que aceptar calquera oferta de emprego, como é tamén o caso de moitos/as inmigrantes que chegan ao país carentes de recursos... Un marco que favorece á patronal, e moi especialmente a ese sector que se lucra a costa de impoñer unhas condicións laborais penosas (carencia de contrato, temporalidade, horas extras non cotizadas e pagadas...). 

Tampouco se pode obviar, ao tratar este tema, que un 46% das familias inmigrantes que viven no Estado español (ano 2020) están por debaixo da liña de pobreza. Ou sexa, que son os primeiros afectados/as polas políticas que amplían a man de obra de reserva con máis inmigración; máxime en etapas de crise sistémica (guerras, desfeita ecolóxica, sancións e intervencións...), como a actual, xa que aumenta a competencia á baixa entre traballadores/as, especialmente nas actividades menos tecnificadas. Polo tanto, ademais das boas palabras, cómpre un forte control da inspección de traballo nas empresas, así como programas pra integración deste colectivo tanto no ámbito laboral como en todos os demais eidos (social, cultural, lingüísticos, etc) pra combater a evidente discriminación que nos ofrecen os datos de pobreza neste colectivo. 

Aínda que neste tema, o da inmigración, habería que comezar por manter relacións comerciais xustas e axudar no desenvolvemento económico dos países de orixe, pra evitar migracións forzadas e masivas que son un factor máis que perpetua a dependencia e un rol subalterno na escala de valor. Un tema que tamén afecta na Galiza aos/as nacidos ou residentes no país, como reflicten os datos de emigración e o balance de capitais co exterior. Ou sexa, cómpre avanzar nun mundo multipolar, solidario,... Non é hoxe a tendencia dominante, ademais a vaga inflacionaria ten como primeira vítima aos países que teñan débedas en dólares, e no plano interno ás clases populares dado que o maior aumento dos prezos estase a dar nos alimentos, enerxía e vivenda,... insumos básicos. 

Por último, mentres se afirma que falta man de obra, pouco se fala dos cartos que emigran ao exterior e que multiplica varias veces a chegada de capitais, o que debilita a creación de emprego. Uns datos. Entre os anos 2018 e 2022 Galiza recibiu o 0,6% investimento do exterior no Estado español -EE- (255 millóns de euros de media), Madrid o 70,8%, A povoación da Galiza representaba o 5,7%. As exportacións de capital foron de 2.127 millóns en 2019 e 1.725 millóns en 2020. Ao que habería que sumar o balance negativo con respecto ao resto do EE. Esta é outra gran ferida: o papel que xoga a nación galega na cadea de valor... o alto grao de dependencia, a caída demográfica. Urxen os cambios estruturais. 

Te puede interesar