Opinión

Servir o povo

A actualización da povoación na EPA, tomando como referencia o ano 2008, non supuxo unha mellora nas porcentaxes de ocupación e desemprego. Pra o 1º trimestre deste ano, a enquisa amosa un panorama desolador pra Galiza, con 19.800 ocupados menos e 16.100 desempregados máis. As cifras referidas a hai un ano non son moito mellores, 22.800 ocupados/as menos e só 9.100 desempregados/as máis; o diferencial entre ambos os conceitos é por mor da emigración e o retorno de inmigrantes. En poucas palabras, os datos oficiais confirman que a destrución de emprego mantense con moita forza, que non se pode afirmar, como fan o Governo central e máis a Xunta, que aínda que sexa dun xeito débil xa comezou a recuperación. Pretenden deste modo xerar falsas expectativas, pra se apresentar como “os que dan solucións” e frear a caída de apoios na sociedade, malia que sexa a cambio de enormes sacrificios.

Despois de todo, estes datos eran lóxicos. Pouco se podía esperar dun medre do PIB tan débil, e todo indica que terá esta mesma tendencia nos vindeiros anos, sempre que se manteña porque os países da Unión Europea directamente competidores están facendo as mesmas políticas regresivas, e o conflito en Ucraína terá consecuencias económicas. Ademais, xa o teño dito noutras oportunidades, estase creando un tipo de emprego que non implica necesariamente un aumento da oferta de traballo. Explícome, os contratos a tempo parcial pasaron do 10% ao 15% nestes últimos anos, polo que se redistribuíu o traballo e os salarios na franxa máis precaria, multiplicando o emprego a costa de diminuír xornada e ingresos. Trátase dunha brincadeira que maquilla as cifras diante de Bruxelas e das persoas desinformadas.

A creación de emprego neto, na contía e calidade que cómpre, necesita de cambios estruturais que non se fixeron e todo leva a pensar que non se queren realizar. Isto sucede porque, no fundamental, as medidas que se aplican están deseñadas pra aumentar a centralización e concentración da riqueza e do poder, pra obter as máximas taxas de lucro, e as reformas dan folgos a esta tendencia. Abonda con ver como se salvaron os bancos e grandes empresas a costa das familias, como se recuperou a Bolsa, os lucros empresariais e os ingresos das maiores fortunas e altos directivos. Pola contra, dende a fiscalidade ate os salarios e prestacións teñen un carácter regresivo pra clase traballadora e os autónomos/as e ademais anúnciase que seguirán nesa liña.

Se analizamos a evolución do emprego na Galiza, dende que encetou a crise, ollamos que nestes seis anos perdéronse 207.000 postos de traballo, segundo a EPA, e como consecuencia en 101.500 fogares todos os membros están desempregados/as. Unha traxedia social, máxime cando a metade dos desempregados/as carecen dalgún tipo de prestación económica. Non é estraño que milleiros de persoas acudan aos comedores sociais e outras entidades en procura de axuda pra poder subsistir. Mesmo que a economía collera alento, ao ritmo que prognostican o Governo e os organismos europeos, demoraría décadas pra que o paro volvese a taxas semellantes ás de antes da crise.

Cómpren medidas urxentes! É necesaria (cando menos) a mesma sensibilidade que hai coa banca, por exemplo, perseguindo a fraude e suprimindo as exencións fiscais ás empresas que dan lugar ao absurdo de que soporten unha presión impositiva moito menor que as rendas do traballo. Recuperando estes ingresos poderíase aumentar a cobertura aos parados e paradas, manter as prestacións e servizos públicos, pra recuperar o consumo (e polo tanto o emprego). Asemade, dignificando os salarios poderíanse eliminar as horas extras e repartir o traballo dun xeito máis acaído diminuíndo o paro. Porén pra isto fai falla vontade política e servir o povo.

Te puede interesar