Opinión

Setembro de 1972, unha folga decisiva

Cúmprese medio século dunha folga xeral, a de setembro de 1972 na comarca de Vigo, que merece a mesma consideración que a de marzo do mesmo ano no Ferrol. Diría máis, tanto o paro de Barreras en Maio, que contou coa poio solidario doutras en empresas en Vigo, como sobre todo a folga xeral de setembro na cidade foron accións que deixaron patente que o acontecido en Ferrol non era un conflito puntual ou local. Amosaron que a oposición á ditadura, e polos dereitos sociais nacionais e democráticos na Galiza, xa tiña naquela altura unha ampla base social, ou sexa, había unha forte conciencia política e un estado de animo combativo. 

A folga xeral de setembro en Vigo comezou na Citroën por iniciativa de CCOO, que tiña unha ampla implantación na comarca, reivindicando que non se debía traballar o sábado á tarde. A  dirección respondeu despedindo a cinco traballadores e expedientando a catro membros do Comité. Polo que comeza o paro o luns 11 de setembro, e ese mesmo día sumáronse solidariamente Vulcano, Santodomingo, Álvarez, Artiscar e Barreras. Uns 10.000 traballadores/as. O día 15 ás 13 empresas paradas uníronselles Frigoríficos Vigo, Unión Cristalera, Flex, Carnaud, etc. E no día seguinte facían o propio Talleres Valiño e Procsa, así como Massó de Cangas e Dreslock en Porriño. A esta altura había unhas 27.000 persoas en paro, abranguendo tamén á construción, así como ao estudantado de secundaria.

Aumentou a represión. A policía tomou as rúas e as portas das empresas. O movemento obreiro optou polo “salto” e a construción de barricadas. Era un tipo de loita na que se movía mellor Organización Obreira (OO foi unha escisión do PCE no ano 1971 que se opuña as políticas do partido de buscar unha saída negociada cos sectores “moderados” do réxime, facendo cesións). Dado a dureza e o numeroso das forzas represivas cos días van caendo detidos activistas e outros pasan á clandestinidade ou foxen. A “secreta” ten como obxectivo neutralizar os dirixentes máis combativos e incómodos. A partir do día 20 a folga comeza a recuar.  O venres 22 a policía carga contra unha concentración de folguistas no edificio de “Sindicatos” e na rúa do Príncipe faise unha manifestación solidaria de mulleres. Ese día comezan a chegar as cartas de despedimento, en total foron sobre 6.000.  A folga xeral rematou o día 26, cando Vulcano voltou ao traballo. Houbo en total uns 400 despedimentos, ademais dunha morea de detidos e xulgados. 

OO foi a forza de choque, e a represión centrouse neles, tamén estaban as diverxencias internas. Uns pulaban por construír un novo Partido Comunista español integrándose na OMLE, e outros querían potenciar unha organización cunha estrutura exclusivamente nacional galega. Estes últimos, coincidindo neste aspecto coa Unión do Povo Galego, buscaban a unidade de acción facendo mobilizacións conxuntas en agosto e durante a folga xeral. 

Por último hai que destacar que, malia a dura represión, en moi pouco tempo (1975, 1976...), os paros e manifestacións laborais xurdiron con forza e con cadros experimentados na confrontación coa ditadura. Ademais, as folgas de 1972 foron o agromar dunha nova xeración de dirixentes sindicais e políticos, pola incorporación de moita mocidade. O Pacto pola Liberdade e súa actuación na folga foron unha aposta e unha actitude na que CCOO e o PCE perderon parte do prestixio adquirido durante as décadas anteriores. Un baleiro que en boa medida encheu o nacente sindicalismo nacionalista organizado, primeiro na Fronte Obreira da UPG, logo nos xemes sindicais, e posteriormente no SOG, UTEG, UTB, UTSG... (antecedentes da CIG). Neste aspecto, no nacional galego, así como no social e democrático, e no salto de conciencia, e as folgas xerais, fixeron de 1972 un ano decisivo.

Te puede interesar