Opinión

Situación conxuntural ou espello da realidade

Os resultados das eleccións deixan unha situación complexa tanto para formar governo como para que este poda tomar medidas durante a lexislatura, que necesiten do aval parlamentar. Nen o PP ten os avais suficientes, e o PSOE tería que cando menos conseguir a abstención de Junts, para que Pedro Sánchez acade a presidencia, e isto non é doado. O partido soberanista catalán anuncia que  condiciona o voto á realización do referendo en Cataluña e á amnistía. E de non logralo que prefire a repetición das eleccións. Todo isto nun contexto en Cataluña no que o recuar dos partidos soberanistas é evidente, e a disputa entre eles polo espazo é cada vez máis agudo, e a proposta de manter unha postura común ofrecida por ERC non parece ter futuro. Junts prefire ter seu propio protagonismo, non só levando ao límite as negociacións co PSOE senón obrigando a ERC a non ficar como unha forza “moderada” na defensa da autodeterminación. 

Pola súa banda Pedro Sánchez non o ten doado lograr a presidencia, aínda que para os partidos soberanistas de Cataluña unhas novas eleccións impliquen unha aposta moi arriscada, por exemplo un maior retroceso. Xa que o PSOE e Sumar pódense fortalecer aínda máis como o voto útil, nesta situación, como sucedeu nas pasadas eleccións xerais, e o soberanismo catalán seguir perdendo relevancia. En fin tanto ERC, como Junts e a CUP, deberan analizar o momento político, e sen ter que renunciar aos obxectivos estratéxicos, valorar axeitadamente a actual conxuntura, e como condiciona o relato e a folla de ruta. Ademais o PSOE necesita os votos de PNV, Bildu e o BNG, ou sexa do nacionalismo de Euskadi e Galiza, e estas dúas últimas acadaron un maior número de votos. 

Tampouco se pode obviar no ámbito estatal que o PP foi o partido máis votado, porén que a maioría votou contra unha alianza PP+VOX, e por retrocesos non só no ámbito da igualdade de xénero, senón tamén por non dar pasos atrás en dereitos laborais, nas competencias autonómicas, nas prestacións e servizos públicos, etc. E, ao mesmo tempo, aínda que sexa contraditorio, que tanto nas eleccións municipais como autonómicas previas fortaleceu á dereita, e nas xerais deulle maioría no Senado. Ao que se suma seu control da dirección do poder xudicial, e nos medios de comunicación de masas. Unha tendencia neoliberal e centralizadora, que ademais é dominante na UE. En poucas palabras que, haxa ou non unha nova convocatoria, poden acentuarse as tendencias do último proceso, mais en ningún caso mudar os aspectos esenciais, que amosan un capitalismo na sua etapa senil e a confrontación entre potencias. Ou sexa, unha situación moi complexa, no económico e político, cun medre importante da desigualdade, precariedade, e da conflitividade laboral e social. 

Daquela, avanzar neste contexto non é doado, máxime cando o PP e o PSOE, que constitúen a base política do sistema, son cada vez estruturas máis piramidais e medra a disputa interna, deixando en evidencia as súas fraxilidades, a debilidade do proxecto estratéxico. Polo tanto, non é doado solucionar esta fragmentación e a volatilidade no voto, xa que se debe a unha conxuntura na que o afastamento coa sociedade é moi grande. Así o reflectiron os debates da campaña electoral que incidiron na descualificación e nos temas individuais e locais, deixando nun segundo plano os dereitos democráticos colectivos, a oferta dun modelo económico e social xusto e solidario, a defensa do ecosistema, a paz... Daquela o aumento do voto circunstancial, segundo o momento e a institución, e que convocar unha nova elección teña uns resultados tan imprevisíbeis, polo que até a oposición debería ter dubidas. Agás aqueles partidos cunha forte organización política e social.

Te puede interesar