Opinión

Syriza na hora 
da verdade

O triunfo do non en Grecia representa un feito positivo pra a democracia, xa que cuestiona tanto, a regresión en materia laboral e social, como a negación da soberanía popular. Mais todo indica que pras clases dominantes da Unión Europea, a vontade do povo grego pouco importa. Non é unha novidade, xa que a Unión sempre foi expresión do poder máis concentrado; como un exemplo, as negociacións segredas do TTIP e do TISA, de costas á sociedade, onde os lobbys teñen maior información e capacidade de intervención que os eurodiputados.

Que neste contexto, de perda de dereitos e malia as ameazas externas e a presión dos grandes poderes internos, un 61% da povoación grega rexeitase as propostas da Troika foi visto en todo o mundo como un símbolo das arelas de cambio. Deixou en evidencia o déficit democrático da Unión Europea, a utilización das institucións económicas pra premer ao povo grego, e a falta dun plano B por parte de Syriza. Un avance, mesmo sabendo que Syriza, ao apostalo todo ao euro e á UE, está presa dunhas regras de xogo funcionais ás grandes potencias e corporacións. Daquela que despois do referendo, a iniciativa estea de novo na Troika, e Tsipras contra as cordas, disposto a aceptar novos axustes a cambio de liquidez, xa que os bancos gregos están a esta altura afogados (algo que era de esperar).

As preguntas latentes despois do referendo non tiñan dúbida. Ate onde cederá Syriza ante a Troika incumprindo o programa de Salónica? Co enorme aval do referendo terá a coraxe necesaria pra saír do euro e mesmo da UE, confrontando cos poderes económicos e fácticos de Grecia e da Unión? A reunión que mantivo o día seguinte cos partidos, da que saíu unha postura común pra negociación con aqueles que propuxeran o si no referendo, era unha alianza sobre obxectivos que todo o supeditaban á permanencia na eurozona. Así se confirmou posteriormente, cando Tsipras, diante dunha postura agresiva do eurogrupo, non só deu por válida a proposta inicial deste, de reducir en oito mil millóns os gastos públicos nos vindeiros dous anos, senón que aumentou o axuste ate os trece mil millóns. Un axuste que se ceba nas pensións, no medre do IVE, e en máis privatizacións de empresas públicas.

Dicía nun artigo anterior neste mesmo xornal que a única solución pra Grecia era a saída do euro, xa que, mesmo implicando algúns anos complexos, ao final a economía podería ser reconducida e os custes sociais repartirse dun xeito máis igualitario. A permanencia no euro, mesmo cunha redución e restruturación dos préstamos, non é máis ca un parche, xa que restrinxe a capacidade do estado pra reconducir a economía, que deste xeito farase totalmente funcional ás grandes corporacións externas e á oligarquía autóctona.

Porén, o máis grave é a actitude de Syriza que ao final terminou aceptando ás imposicións da UE, pra alén das leas con Merkel e compañía. Ulo o “novo xeito de facer política e relacionarse cos cidadáns”? verbas tan repetidas tamén por “forzas emerxentes” no Estado español e Galiza. E, o que resulta imposíbel de admitir: que un día despois de que o 61% do povo grego votase non á proposta da Troika, fose Tsipras o que fixese unha contra-oferta que é máis negativa que a rexeitada. Non vale dicir de que o povo non lle deu mandato pra saír do euro, porque tampouco votou a prol de o manter. Non poden argumentar que a situación é desesperada e non hai outra vía, porque tiñan a obriga de ter un plano alternativo. Ir a unha mesa de negociacións a xogar de farol nas cuestións transcendentes é unha irresponsabilidade. Ao final, resulta que a nova socialdemocracia ten as mesmas debilidades e incoherencias que a vella. Ademais, o acontecido deixa espido: que defende a UE, que entende por solidariedade, cal é seu modelo. Tomemos nota.

Te puede interesar