Opinión

T-SOLAR, LOITA POLA SUPERVIVENCIA (E POR GALIZA)

Nas sociedades actuais a maior parte do emprego está constituído polos servizos, mais é imposíbel que se cree se non se desenvolven as actividades primarias e secundarias, ou sexa, aquelas que producen bens. Hai unha interrelación evidente, que non se pode obviar, malia que nuns países a dependencia sexa máis forte que noutros. Esta dependencia non é tan grande naqueles que teñen moi desenvolvido o turismo ou as actividades financeiras en relación ao seu tamaño. Mais, este non é o caso de Galiza, onde ningunha destas actividades sería capaz de turrar por si soa do resto da economía e o emprego.


Dito isto, resulta evidente que, para alén do que representen no PIB e no emprego, o sector agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro, enerxético, e a pouca industria transformadora coa que contamos, son fundamentais para o conxunto da economía e para dinamizar o sector terciario. Polo tanto, cada explotación agro-gandeira que deixa de producir, barco que non pesca, ou fábrica que reduce persoal ou pecha, é unha noticia tremenda nun país como o noso, no que o desemprego é estrutural e a emigración masiva. Neste contexto temos que valorar o peche de empresas como T-Solar, xa que a decisión da dirección da empresa non só abrangue aos 170 traballadores/as da fábrica directamente afectados, senón ao conxunto da comarca, e moi especialmente ao comercio e outros servizos.


Por todo isto resulta incomprensíbel que o PP tombase a proposta que o BNG fixo no Parlamento galego, coa finalidade de que o Governo central e máis a Xunta de Galiza se implicaran pra evitar a liquidación desta fábrica de paneis solares. Unha actitude contraria á que tomou cando subvencionou con cartos públicos esta empresa, que se comprometía a manter unha actividade que despois non cumpriu. Acaso os 'populares' teñen unha vara de medir distinta, no referente aos recursos públicos, segundo se trate de empresarios ou traballadores/ras os beneficiados?... Vendo como votou no Parlamento todo indica que é deste xeito. Argumentar que sería unha medida intervencionista, non ten ningunha validez, porque non o sería máis que cando se lle deron achegas ao empresario, sen que se puxese daquela ningún tipo de atranco. Lembremos que a Xunta entregou 21 millóns de euros en T-Solar que, aseguran os traballadores, 'agora non aparecen por ningures' e di a dirección non poder devolver.


A fábrica pertence ao grupo Isolux-Corsan, e aproveita un momento no que as primas ás enerxías renovábeis sufriron unha importante mingua, afectando a actividade no Estado español. Agora ben, o que non se di é que T-Solar, Acciona e ACS, optan a un programa de enerxía solar por 7 mil millóns de dólares do Exército dos Estados Unidos, e que está construíndo unha planta fotovoltaica en Suráfrica. Ademais, os operarios/as destacan que houbo unha oferta firme de merca da factoría por parte dunha empresa británica (con garantía de traballo por dez anos), que Isolux-Corsan non aceptou, polo que pensan que a matriz ten máis interese en vender a maquinaria ou trasladala.


Mentres tanto, medio cento traballadores/as levan pechados na empresa oitenta días, defendendo o emprego. Son conscientes de que lles vai a vida nesta loita. É unha cuestión de supervivencia. Saben que neste contexto económico, no que o sentido da responsabilidade social sacrifícase acotío pola cobiza, cómpre exercer presión pra dar pulo á máis elemental e xusta reclamación. Das desfeitas non se pode fuxir, xa que afectan indirectamente a outros sectores, como o comercio e os servizos. Pensar que o peche é parte do libre xogo empresarial, é non entender ren do que pasa. Hoxe, máis que nunca, en cada negocio importante, en cada investimento, cando interesa, está presente o poder dos governos, intervindo descaradamente.


Te puede interesar