Opinión

A teimosía da mocidade nacionalista

Omes de xaneiro fixo sete décadas da fundación da Federación de Mocidades Galeguistas (FMG), ao abeiro do Congreso do Partido Galeguista (PG), celebrado en Ourense os días 13 e 14 de xaneiro de 1934. Aínda que a xestación da confluencia entre as distintas agrupacións xa existentes encetara uns meses antes. A FMG tivo unha vida curta por mor do levantamento militar e a cruenta represión. Mais, chama a atención que foron varios os intentos posteriores, durante a ditadura franquista, pra dar nova vida a unha organización xuvenil do nacionalismo, e que estes procesos se repetiron, afastados uns dos outros, aproximadamente de case unha década.

Os primeiros intentos de reorganización foron en Bos Aires. O periódico A Nosa Terra recolle un manifesto con data do 28 de xuño de 1942, no que dá conta da existencia das Mocedades Galegas. Encabeza as sinaturas do documento Manuel Pedreira. O intento non debeu ter moito percorrido, porque practicamente non hai referencias posteriores. En setembro de 1953 A Nosa Terra anuncia a constitución un mes antes das Mocedades Galeguistas, que publican o voceiro Adiante e que organizan actos e teñen un certo protagonismo no Iº Congreso da Emigración Galega no ano 1956. Durante este evento Xosé Velo reúnese con eles; deste xeito lígase a FMG con esta organización xuvenil nacida na emigración. Entre os que forman parte da mesma están: Antón Moreda, Xosé Neira Vilas, Conles Tizado, Adelina González, Roberto Veloso, Carlos Abraira, etc.

Unha década despois, xa na Galiza, xorde o Consello da Mocidade, en agosto do 1963. Neste caso por iniciativa de Antón Moreda que regresou coa consigna do Consello de Galiza de tomar contacto coa xuventude. O grupo Brais Pinto en Madrid e persoas ligadas ao ámbito cultural na Terra, que politizaron o seu ideario a partir das contradicións existentes, permitirán máis unha vez que agrome unha organización política e da mocidade. Malia ter unha curta vida, xa que desaparece en febreiro de 1964, a fundación do Partido Socialista Galego e da Unión do Povo Galego evidenciarán que a súa existencia terá importancia histórica.

Unha década despois, en decembro de 1972, o que eiqui escribe, recen retornado da Arxentina, funda en Compostela, xunto cun grupo de estudantes de varios lugares do país, Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). De novo é unha organización da mocidade, neste caso un xermolo de sindicato no estudantado. Asemade tanto eu, como Pedreira (ao que tratei) e Moreda formáramos parte da Irmandade Galega de Bos Aires, coa que por certo Xosé Velo tiña unha estreita relación. Dalgún xeito, tanto no político, como no persoal, houbo unha continuidade a través da mocidade do proxecto político do nacionalismo a prol da soberanía e da xustiza social.

A Federación de Mocidades Galeguistas non tivo tempo abondo pra desenvolver o seu proxecto político. Aínda así, no ano 1936 xa contaba cun milleiro de afiliados/as, 35 agrupacións e 10 delegacións. O seu derradeiro secretario xeral sería Xosé Velo, de Celanova, que tanta sona tería despois co “secuestro” do Santa Maria pra chamar a atención internacional encol das ditaduras de Franco e Salazar, e dar folgos á loita pola independencia nas colonias de ambos os estados. A FMG tiña, tanto no social como respecto da cuestión nacional, unha postura máis radical que o PG, asemade era unha organización autónoma do partido, polo que mantiña con normalidade algunhas discrepancias. Na provincia de Ourense tería agrupacións en: Alongos, Allariz, Bande, Bentraces, Celanova, Escudeiros, Maceda, Mourillós, Ourense, Puga, Taboada e Verín. A historia posterior amosa que o obxectivo era correcto, que recollía o estado de ánimo da mocidade galega. Por iso unha e outra vez rexurdiu, malia os atrancos, ate se facer realidade permanente.

Te puede interesar