Opinión

Tempos de escenificación

Estáselle a dar un novo pulo aos actos rituais, nos que se pretende impoñer o relato e símbolos que suplantan os programas partidarios que están moi desacreditados pola precariedade, a desigualdade, e sobre todo por unha mocidade que ve que isto non ten remedio e as promesas nunca se cumpren, veñan da dereita ou da esquerda sistémica. Ademais, os avances tecnolóxicos, con todo o que teñen de positivo, van da mau dun futuro incerto pra os/as de abaixo e ateigado de riqueza pras corporacións e un estreito grupo de persoas.

Neste marco desenvolvéronse os actos oficiais do Día Nacional de Galiza e realizouse o encontro en Salamanca do Presidente do Governo central cos/cas das autonomías pra poñer en escena a cogovernanza. Todo fai pensar que estas presentacións buscan deixar atrás a pandemia, cos seus custes en vidas, económicos e laborais, por unha banda, e pola outra escenificar que é posíbel, sen avanzar cara un estado plurinacional e federal, que as autonomías teñan un papel relevante nas políticas de Estado, grazas á cogovernanza. Que non asistise Cataluña eiva esa imaxe.

Trátase dunha escenificación que non apoia a dereita, que se coloca no choque verbal pra gañar o poder (en boa medida xa o ten no ámbito xudicial), malia que as diferenzas de modelo económico non sexan de fondo. As principais radican en todo o relativo a un maior centralismo e retroceso nos dereitos de xénero e no tema migratorio (nesta caso: só respecto da inmigración de África e Asia?).

Porén non en todo están en desacordo o PP e PSOE, porque no Día da Patria Galega resultou evidente que se lle deu prevalenza ao acto relixioso e á ofrenda do Rei de España ao Apóstolo Santiago, con avións cubrindo o ceo coa bandeira española; e polo seran na entrega dos premios “Galicia” o acto comezou co himno de España. Noso país, a súa identidade, ficou relegada a un segundo plano, de subordinación. Mais diverxencia houbo na convocatoria da reunión de presidentes en Salamanca, que mereceu as criticas de Núñez Feijóo, xustificadas, porque falta unha orde do día con temas e propostas concretas, e só poderían intervir perante cinco minutos.

A de Salamanca tratouse dunha xuntanza que buscou simbolizar a complicidade, sen entrar nos contidos, xa que o marco da convocatoria impedía tratar a fondo temas relevantes. Por exemplo: a financiación autonómica, como se van repartir os fundos Next Generation (pra alén de 2021), como se evitará o desmantelamento da industrias estratéxicas e potencia sectores como o agrario.

En relación coa necesidade de desenvolver políticas equilibradas en materia distributiva, xa que hoxe non o son, e de interese a análise que encol do tema realizou o presidente da Comunidade Valenciana Ximo Puig hai uns días. Respecto dos privilexios da capital do Estado español dicía: “Madrid acolle a 150.574 empregados do sector público estatal, case que 1/3 do total (...) Nove de cada 10 contratos xestiónanse en Madrid e preto dun 60% das adxudicacións fanse a empresas radicadas na capital. As rebaixas fiscais pras rendas altas grazas ás vantaxes da capitalidade suman 4.453 millóns de euros ano, un dunping fiscal”.

Destacou ademais Puig que a produción tende a se concentrar nas megacidades, consolidando un desenvolvemento a varias velocidades. Polo que reclamaba unha compensación pra o resto das autonomías por estas vantaxes de Madrid. Son temas do máximo interese, que reflicten o papel que cada quen xoga na cadea de valor e que pon sobre a mesa un membro do PSOE. Non debería Núñez Feijóo facer o propio e recoller estes argumentos? Compárese o grao de medre de Valencia e Galiza nas últimas décadas... O pasado 25 de xullo estaban as dúas nacións galegas, unha combativa na rúa e outra subalterna nas institucións. Cando rematará esta dualidade?

Te puede interesar