Opinión

Terá a Xunta unha presidencia nacionalista?

Aesta altura, dado o esgotamento da globalización neoliberal, especialmente no económico, social e ecolóxico, e no aumento da confrontación entre potencias, aínda que esta manteña súa hexemonía na formación da conciencia colectiva respecto dos acontecementos, as contradicións debuxan escenarios políticos moi abertos. Ademais noso país sumase á pandemia e á desfeita ecolóxica o desmantelamento de sectores estratéxicos, a dualidade entre o urbano e rural, un papel cada vez máis subordinado na escala de valor, e como resultado: a emigración do capital e da mocidade cualificada, a precariedade e baixos salarios.

Hai excepcións, empresas dinámicas con raíces no país e algunhas iniciativas institucionais, porén están enfeudadas e non chegan pra mudar a tendencia dominante, daquela que perdamos peso no PIB e demográfico. E ren fai pensar que os fondos Next Generation, pra alén de que fagan menos doorosa a ferida, eviten a hemorraxia, e muden esta evolución cara perda de control da economía, xa que mesmo estreita as capacidades xa moi limitadas da autonomía. Nen Bruxelas, nen Madrid, impulsan medidas que rectifiquen estas políticas, tal como amosan os continuos conflitos entre os estados e nacións que a integran. No esencial as políticas da UE, aínda que se cubran dun manto de democracia e igualdade, apostan pola economía de escala, pra centralizar e concentrar a riqueza e o poder, tanto respecto do ámbito territorial como en relación coas clases sociais.

Nesta conxuntura tan complexa todos os escenarios están abertos, tamén o electoral, xa que unha parte importante dos/as electores están na procura de forzas que respondan ás súas reclamacións máis primarias (traballo, pensións, dependencia, salarios, vivenda, servizos básicos, igualdade,...). O ascenso do BNG nas pasadas eleccións autonómicas debeuse a que recolleu moito voto das mareas, por mor da sua fractura, porén tamén porque a resposta dos seus deputados en Madrid non era comparábel á do BNG, malia a maior representación. A fronte tamén recolleu votos do PSOE, de persoas que buscaban unha postura máis firme respecto da reforma laboral e en relación co autogoverno. O BNG ademais ilusionou a unha parte da abstención, tanto porque ofrecía a garantía de catro décadas de loita contra as clases dominantes, como porque era un luxo de “pasar” nun contexto tan grave. E este estado de animo, esta máis presente cada dia que pasa. O cambio está en gañar unha parte importante da abstención (mocidade, desempregados/as, precarios/as...).

Polo tanto, neste intre non só é necesario unha presidencia nacionalista, un inicio dun cambio sistémico, senón que ademais é necesario e críbel pra unha parte moi importante dos electores/as. Aínda que as municipais son unhas eleccións distintas, e normalmente a xente non vota igual, un medre do BNG daría máis forza a este obxectivo. Daquela é esencial ampliar as bases da formación frontista e as súas alianzas. Tan necesario como ligar a proposta concreta, pra os municipios e o governo da nación galega, co proxecto estratéxico, no económico-social e na conquista de soberanía. Trátase de formar a conciencia colectiva, de gañar votantes e ao mesmo tempo ampliar a base activa, comprometida, participativa e protagonista. E iso implica gañar a batalla das ideas, fortalecer o movemento asociativo de base e a mobilización. Cómpre que as institucións non só estean ben xestionadas, senón que dean os primeiros pasos pra a transformación en todos aqueles aspectos que forman parte do proxecto: xustiza social, igualdade, defensa do ecosistema, solidariedade, paz, cultura e lingua, soberanía nacional... O nacionalismo galego ten moitas tarefas por diante ate as eleccións de 2024. Axuda na tarefa a autocrítica positiva, o optimismo, e o atrevemento.

Te puede interesar