Opinión

Terrorismo, a outra cara da globalización

Autilización do terrorismo con fins políticos non é algo exclusivo desta época, mais nunca tivo tanta intensidade e efectos tan dramáticos como na actualidade. Asemade, todo indica que esta tendencia vai a máis, que se trata dunha característica consubstancial coa globalización neoliberal, reflectindo máis unha vez que acertada é a análise que fai Samir Amin do capitalismo, cando di que  está na súa fase senil. A destrución das identidades colectivas, a lei da selva económica, a perda de poder dos estados, das empresas locais e de dereitos laborais, o control da vida das persoas a través das redes e a telefonía, etc, todo faise en beneficio das corporacións e grandes potencias. O medre da exclusión foi forxando no imaxinario colectivo un mundo sen saídas, polo que algúns sectores procuran unha ruptura sumándose a aqueles que propoñen solucións inmediatas, mesiánicas.  

Non se pode separar o medre do terrorismo da inxerencia directa ou indirecta das potencias occidentais nos países da periferia, da destrución das infraestruturas, do control das súas riquezas, da ocupación, do desmantelamento das súas institucións e dos equilibrios de poder interno. Todo isto feito en nome da democracia, malia que só se destruíron os governos laicos, mentres se protexe as monarquías absolutistas que negan dereitos ás mulleres, á clase traballadora e aos inmigrantes. Unha dobre vara de medir tan evidente, que resta todo valor á palabra democracia en boca dos líderes das potencias hexemónicas, especialmente dos Estados Unidos.

Esta evolución que fortalece a economía de escala, regresiva no social e laboral, non é consecuencia natural do desenvolvemento, como dende as clases dominantes se predica, xa que nada impide  potenciar un modelo máis solidario e democrático, cunha distribución máis xusta do traballo e da riqueza, tanto entre clases sociais como entre as nacións. Os grandes avances técnicos axudan moito neste senso. Se así fose, sería en beneficio da maioría da humanidade. Porén, pensar que isto é posíbel sen unha mudanza na correlación de forzas é unha ilusión, unha utopía. Cómpre fortalecer as organizacións sociais e sindicais, democratizar o poder, garantir a soberanía de todas as nacións, desenvolver economías autocentradas e sustentábeis, rematar co intercambio desigual, mais tamén co dumping social dunha man de obra explotada.

Moito me temo que este non será o camiño escollido, e o terrorismo seguirá sendo funcional pra dividir os povos, meter o medo na xente, xustificar medidas represivas, e o control da vida das persoas, esquecendo a urxencia de eliminar as causas. Despois de todo, tanto Al Qaeda como o Daesh (EI) foron alentados polas potencias occidentais, é un segredo a voces que están financiados directa ou indirectamente por Arabia Saudita e Catar. Cunha man son alimentados e coa outra combatidos, pra se xustificar diante dun mundo abraiado pola barbarie do monstro. Por iso agóchanse os negocios do Governo de Erdogan con estas organizacións, e silénciase a dura represión con centos de mortos e feridos no Curdistán turco. Todo por cobiza e poder.

Coa globalización neoliberal, tanto o terrorismo e a militarización, como a crise, a economía especulativa e delituosa, a desigualdade, chegaron pra se quedar; son consubstanciais co imperialismo nesta etapa da súa evolución. Estenderanse por Europa, como xa pasa en moitas partes do mundo, barrios de alta seguridade pra os sectores acomodados, e as clases populares terán que enfrontar acotío a lei da selva. Un retroceso que individualiza as saídas, que debilita os máis pobres, que fragmenta as respostas diante da inxustiza. O terrorismo é parte deste guión. Son necesarias medidas punitivas que o impidan. Porén, sen rematar coas causas, non deixará de se reproducir. 
 

Te puede interesar