Opinión

O Tío Marcos da Portela

No ano 1876 saia do prelo, na cidade de Ourense, o primeiro exemplar dunha publicación periódica enteiramente en galego: O Tío Marcos da Portela. Era unha obra colectiva, aínda que a iniciativa foi de Valentín Lamas Carvajal. Existiu un periódico anterior, en 1860 na Coruña, que se chamou O Vello do Pico Sacro, porén os estudosos do tema coinciden en que foi o semanario ourensá o que realmente se pode considerar o primeiro, tanto pola súa permanencia como pola súa difusión (ao final do primeiro ano tiraba 4.000 exemplares). Nun principio publicouse bi-semanalmente e despois todos os domingos en oito páxinas de folio. Lamas Carvajal naceu en Ourense no ano 1849 e morreu na mesma cidade en 1906.

Lamas Carvajal estudou bacharelato en Ourense e medicina na Universidade de Compostela, aínda que non rematou esta carreira. Nesta última cidade entrou en contacto coa intelectualidade da época e dirixiu a revista La Aurora de Galicia. É autor de: Dez cartas ós gallegos (1875); Espiñas, follas e frores, ramiño primeiro (1875); Espiñas, follas e frores, ramiño segundo (1876); Saudades gallegas (1880); e Musa das aldeas (1889). Ademais desta obra poética, publicou en narrativa: Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887); e Catecismo do Labrego (1888).

O Tío Marcos da Portela editouse durante tres períodos distintos. O primeiro do ano 1876 a 1880; o segundo do ano 1883 a 1889; e o terceiro de 1917 a 1919 no que rexurde como voceiro das Irmandades da Fala en Ourense. En total nas dúas primeiras etapas publicáronse 430 números do Tío Marcos da Portela. A súa incidencia social foi moi grande, malia os atrancos, xa que a povoación rural era moi maioritaria.

Na cabeceira do periódico figuraba o seguinte texto: “Os mandamentos do Marcos fóra da eirexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira”. Nas páxinas do Tío Marcos da Portela ademais de atacar os impostos abusivos que esmagaban ao labrego e mallar no caciquismo, realizabase unha critica aguda contra as causas da fame, a emigración e a miseria, e mantiña unha teimosa defensa da lingua do país.

No periódico escribiron algunhas das figuras máis egrexias do momento: Añón, Curros Enríquez, Pondal, Manuel Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, Benito Losada, Antonio Saco, Manuel Amor Meilán, etc. Na Historia da Literatura Galega, das Edicións A Nosa Terra (Pilar García Negro, Anxo Gómez Sánchez, Mercedes Queixas Zas), dinnos sobre Lamas Carvajal e a súa obra: “é coñecido e apreciado como escritor, mais coa publicación a partir do ano 1876 do xornal O Tío Marcos da Portela, escrito no idioma propio, vai obter un definitivo referendo popular (...) Tal vez a súa obra máis popular e autentico best-seller da literatura galega sexa a coñecida baixo o titulo Catecismo do Labrego”.

O Catecismo do Labrego en principio publicouse en sete entregas no periódico O Tío Marcos da Portela no ano 1988. No seguinte ano fixéronse até seis edicións, polo que foi dos libros que máis se vendeu en lingua galega na época. Tal foi a súa divulgación, mesmo posterior, e non só entre os habitantes urbanos, como dá exemplo que eu souben da súa existencia cando era moi pequeno, en Bos Aires, na emigración, na década dos cincuenta do século pasado, porque entre os poucos libros que tiña meu pai estaba o Catecismo do Labrego. Meu pai naceu e criouse en Covas de Berredo –na terra dos garabullos-, no concello da Bola, é dicir do Partido Xudicial de Celanova que era o centro urbano de referencia para as xentes do lugar, polo tanto tamén tiña presente a Curros Enríquez. O amor á Terra, o galeguismo, ten moita historia.

Te puede interesar