Opinión

A transformación enerxética

Ocambio climático e a protección dos ecosistemas son unhas das prioridades da humanidade. E iso implica cuestións demográficas, de comportamentos e hábitos de consumo, da actividade produtiva, dos residuos, da mobilidade... Ate o momento na Unión Europea o acento púxose sobre todo na emisión de CO2, cando menos na socialización do tema, daquela a aceleración do peche das centrais de enerxía eléctrica con base no carbón, ou a aposta polo coche eléctrico pra substituír os que utilizan o gasóleo ou gasolina. Neste tema dado a morea de investigacións pra dar cunha alternativa cun custe máis baixo e que permita unha maior autonomía non está dita a última palabra.

Son obxectivos sen dúbida necesarios, porén que non sempre se toman pensando en todas as consecuencias sociais e territoriais, polo que nalgúns casos agudizáronse situacións económicas e de emprego que xa era negativas sen ofrecer alternativas, como sucedeu coas centrais térmicas galegas. Por outra banda tampouco se aclarou abondo na sociedade que a produción de enerxía con placas solares, aeroxeradores, saltos de auga, depende das condicións climáticas, o que condiciona o consumo. Mentres que a enerxía en base a carbón, gas, petróleo e as centrais nucleares está sempre a disposición do consumidor.

Se cadra o aumento da capacidade dos acumuladores e redución do tamaño, así como lograr que os saltos de auga se retroalimenten, dándolle máis peso ás centrais hidroeléctricas, permita ofrecer unha potencia de enerxía constante menos custosa, contaminante e perigosa. Polo tanto, sendo lóxico e necesario camiñar cara unha enerxía verde, mentres non haxa novos avances tecnolóxicos deberíase manter activa a central de ciclo combinado en Endesa. O que non ten sentido é importar electricidade dende Marrocos, como se fixo hai uns anos, producida en base ao carbón.

Agora ben, en relación coa enerxía ten importancia non só ter unha produción que abasteza sempre o consumo, senón ademais cal é o seu custe. Isto último non só é esencial porque un prezo máis baixo implica un aforro pras familias, e polo tanto un aumento da renda dispoñíbel pra outros gastos, senón porque ademais incide na competencia empresarial. No Estado español o prezo da enerxía é o mesmo en todo o territorio, polo que o custe nas nacións exportadoras, como Galiza, é igual que naqueles territorios importadores, como Madrid. Obviando o gasto na rede eléctrica e seu mantemento, asi como que se perda enerxía no traxecto.

En poucas palabras, socializanse as perdas en beneficio dos territorios con maior consumo e menor produción, aínda que teñan un PIB por persoa máis alto. Daquela, que o que debía ser unha vantaxe comparativa, especialmente nas empresas con gran consumo eléctrico, pra Galiza, na práctica resulta ao contrario por mor de decisións políticas que non teñen que ver cos custes económicos reais. O da tarifa eléctrica galega, non é unha cuestión menor, e debería formar parte do debate do marco de relacións, máxime cando teñen un custe tan grande pra a nosa nación.

O prezo desorbitado que ten a enerxía dende hai meses afectando negativamente a familias e empresas é outro punto de debate, máxime cando os lucros das compañías eléctricas non deixan de medrar. Son oligopolios funcionais á especulación. Dáse como argumento o aumento do prezo do gas e os imposto á contaminación, porén o fondo da cuestión é que un ben tan esencial non pode ser fonte de especulación, polo que debería ter un carácter público, como por certo sucede en moitos países do mundo con governos de moi distinto signo. As políticas en defensa do medio ambiente non son posíbeis sen cambios sistémicos, con economías máis autocentradas, que reduzan a mobilidade, nacións soberanas, e mudanzas nos comportamentos sociais.

Te puede interesar