Opinión

Trump racha as regras do xogo

Estados Unidos (USA) abriu unha morea de frontes de conflito, que van dende as sancións a China, Rusia, Iran, Venezuela, Corea do Norte, Cuba,... até as intervencións en Siria e Iemen, e as tensións con México e varios países de América central polas limitacións e o trato á inmigración. Esta maior presión, mesmo belixerancia, dáse tamén con membros da OTAN, como Alemaña e Turquía. Co primeiro por mor da construción do Nord-Stream-2, pra importación de gas ruso; e co segundo, pola merca a Moscova dos mísiles S-400, en lugar dos Patriot que lle pretende impoñer Washington. 

Até o momento no plano interno os resultados económicos sonlle favorábeis a Trump. No primeiro trimestre de 2019 o PIB medrou anualmente un 3,2%, e o desemprego só atinxe o 3,6% da povoación, a porcentaxe máis baixa dende a Guerra de Corea. Asemade un 60% das grandes empresas beneficiáronse de non pagar impostos (malia gañar 79 mil millóns, conseguiron devolucións por 4.300 millóns de dólares), e recibiron como regalo extra unha baixada do imposto de sociedades do 35% ao 21%. 

Coma contrapartida, a esta festa a prol das corporacións transnacionais, precarizaronse máis condicións laborais e os salarios medios non deixaron de baixar, por exemplo entre 2017-2018 nun 2%. Mesmo así, Trump pódese gabar de que USA está preto da plena ocupación. Ou sexa, que as guerras comerciais que iniciou, os despregues militares no exterior, e o aumento da conflitividade mundial, seica son medidas necesarias pra defender a hexemonía de USA. E gabase de que non lesionaron a economía, senón que a fortaleceron. 

Realmente é así? Todo indica que non, xa que o saldo do comercio exterior non deixa de medrar, malia a política de sancións e incursións militares, e o déficit público aumenta a un ritmo maior que nunca antes. E ira a máis, ante todo polos menores ingresos impositivos e os desorbitados gastos militares, que non son compensados polo medre do PIB e os recortes en prestacións públicas. É verdade que USA segue a ser a maior potencia militar, con centos de bases no exterior, e mantén a hexemonía en sectores como o financeiro, na moeda de referencia, nas redes e novas tecnoloxías, no sector agrícola, etc. 

Agora ben, esta hexemonía de Washington hoxe está cuestionada, especialmente por parte de China e Rusia, as dúas grandes potencias emerxentes, ao que hai que engadir que as contradicións cos seus aliados non deixan de medrar. China mantén crecemento do PIB envidiábel, máis dun 6% anual, malia un medre da povoación moi moderado e depender cada vez menos das exportacións. Asemade, unha gran parte de economía está en mans do Estado, comeza a disputar a vangarda tecnolóxica (por exemplo no 5G), e fortalecese rapidamente no eido militar. Por parte de Rusia, malia ter unha economía menos potente, foi quen de superar as sancións occidentais, conquistar un papel central na produción enerxética, e conseguir avances sen precedentes no eido militar, tanto nos mísiles supersónicos, como en detectar obxectivos, daquela que Turquía e outros países prefiran os S-400 aos Patriot. E, o campo militar é decisivo, máxime cando se trata de potencias nucleares. Ademais, ambos estados teñen importantes reservas de divisas, tamén de ouro. 

Tampouco se pode obviar que as sancións a empresas de Rusia e China terminará lesionando ás transnacionais de USA e occidentais, xa que a globalización entrelazou o proceso produtivo. Daquela que, o que hoxe parece un beneficio, en poucos anos podese volver en contra, facendo máis fortes aos países sancionados ao diminuír a dependencia externa, dando folgos a economías autocentradas, e polo tanto máis sostíbeis. Ficamos nunha conxuntura, todas as opcións están abertas. Do que non hai dúbida, é que: un mundo multipolar sempre será máis democrático e xusto.

Te puede interesar