Opinión

O TTIP dará folgos 
á desigualdade

Despois de se negociar en segredo durante dous anos, por fin o Parlamento Europeo ía debater o TTIP. Mais as diverxencias dentro do grupo dos “socialistas”, e a dúbida de que nesas condicións fose aprobado, fixo que a Mesa adiase a discusión. Hai comentaristas que anticipan que a ruptura no bloque sistémico é definitiva. O culpábel desta fenda sería o ISDS (tribunais de arbitraxe privados, que decidirían nos conflitos entre os estados e as corporacións). Non é un tema menor, xa que coloca as grandes empresas privadas por riba da soberanía popular, e deixa as lexislacións nacionais como aplicábeis en exclusiva aos máis débiles. A postura dos grandes partidos sistémicos de suspender o debate, pra poder recompoñer filas, foi unha iniciativa que triunfou por só dous votos, o PSOE abstívose, mentres que UPyD, Ciudadanos e PNV votaron a favor.

Este Tratado de Libre Comercio (TLC) súmase a un semellante con Canadá, xa debatido no Parlamento Europeo. Estase a negociar outro por cincuenta estados que atinxe aos servizos, o TISA. A experiencia destes acordos, alí onde están vixentes, demostrouse negativa pra os estados e empresas máis débiles. No caso concreto de México, deuse un pequeno medre do sector da industria de transformación na fronteira, e polo tanto do PIB, mais a costa da práctica destrución do mundo rural, alentando a enxurrada migratoria e a violencia en todas as súas formas. Estes acordos tamén contribuíron ao medre da desigualdade social e ao recuar dos salarios nos Estados Unidos.

Sobre o procedemento empregado na negociación todo amosa métodos nada democráticos. Ate o mes de xullo de 2014 realizáranse 560 reunións no marco do TTIP, das que só 26 foron con representantes sociais. A todas as demais asistiron organizacións empresariais, o que reflicte o papel dominante das corporacións. A Comisión Europea rexeitou unha proposta da Iniciativa Cidadá Europea, que representa a 250 organizacións de 21 estados da UE, e avalada por máis dun millón de sinaturas, na que solicitaba ser ouvida con respeito ao ISDS no TTIP. A Comisión afirma que a solicitude trata temas que están fóra da súa competencia. O Tratado de Lisboa abriu esta vía de participación, que utilizan as organizacións que simpatizan co proxecto europeísta. No debate realizado o pasado 16 de setembro no Parlamento Europeo sobre o tratado entre a Unión Europea e máis Canadá (CETA), déuselle un minuto aos deputados/as pra que opinasen sobre un tema de tanta transcendencia.

Encol do TTIP sostén Raoul Marc Jennar: “no TLC trátase moi pouco de comercio. Hai moito de elección de sociedade, de estilos de vida, de preferencias colectivas que son produto do combate que houbo nos nosos países, ao longo dos dous últimos séculos, nos ámbitos políticos, sociais”. Algo que resulta evidente. Estes acordos teñen como finalidade impulsar a economía de escala. Polo tanto, unificarán á baixa a normativa en materia laboral (salarios, negociación colectiva, organización sindical na empresa, etc.), de calidade, medioambiental, fiscal e de investimento. Ademais limitarán a intervención pública, por exemplo na sanidade e no ensino, por considerar que en moitos casos son unha competencia desleal.

Estes tratados impulsados polos Estados Unidos teñen outras dúas finalidades. Por unha banda, aumentar a taxa de beneficio das corporacións e grandes fortunas, dado que o proceso dá folgos á concentración e centralización da riqueza e do poder (en prexuízo das clases populares e territorios máis débiles ou/e dependentes, como Galiza). E recrean a división do mundo en bloques, a fin de xerar un cordón sanitario no económico, pra completar o militar e informativo, co que garantir a hexemonía de Washington e aliados fronte ás potencias emerxentes.

Te puede interesar