Opinión

A UE esmagada pola súas contradicións

Non son poucos os analistas, mesmo neoliberais, que coidan que os pasos que se están a dar polos Estados Unidos na confrontación con Rusia, co argumento da invasión da Ucraína, están destruíndo a cadea de valor que permitiu á Unión Europea converterse nunha das economías máis fortes e cunha calidade de vida das máis avanzadas (non exenta de desigualdades entre nacións e clases sociais). As múltiples sancións a Moscova e a participación activa da OTAN no subministro de armamento e de información militar, non só aumentan na actualidade o prezo da enerxía e moitas materias primas senón que cada día abren máis unha fenda que se está convertendo en irreversíbel. 

A reunión de Zelenski e Biden pra escenificar a cesión de mísiles Patriot de longo alcance e o apoio financeiro a Ucraína o vindeiro ano, dan azos á continuidade do conflito e obrigan á UE substituír importacións definitivamente. Con que fin?... semella que de desgaste, xa que unha posíbel derrota militar de Rusia deixaría como única saída a nuclear. En fin, non semella que Estados Unidos xogue ao suicidio. Todo evidencia que se trata de remodelar o mundo, forzando a creación de bloques e se é posíbel illando ao máximo a China, Rusia, Iran, etc. A guerra, as sancións, a conxelación de activos, queren forzar este escenario que non aceptan nen China nen Rusia, porén tampouco unha gran parte dos países do mundo. Tamén sería lóxico que tampouco o acepte a propia Unión Europea, que desde seu nacemento apostou pola globalización (neoliberal). 

Daquela, que cada vez colla máis forza a perspectiva de que a UE pase a ter nas vindeiras décadas un papel secundario no escenario internacional, en beneficio de Estados Unidos, China, India e outras potencias asiáticas (tamén algunha de América Latina como Brasil e México?...). Dirase que esta evolución non é nova, mais as sancións a Rusia, e polo tanto o aumento do prezo da enerxía e outras materias primas e cereais, ademais da perda dun importante importador implica máis o gasto extra en armamento e defensa; son golpes na liña de flotación que se puideron evitar. Máxime cando o principal aliado aproba unha Lei pra Redución da Inflación que atinxe negativamente á UE no seu comercio bilateral con Estados Unidos, e axe como un incentivo pra o deslocamento de moitas empresas a esa potencia. Mais non se pode obviar que, así como a UE era dependente de Rusia na enerxía e materias primas, o foi e segue sendo de Estados Unidos pra cumprir un papel subimperialista. Esta é a contradición que lle impide manter unha política independente de Washington, e pola que a UE esta inzada de bases norteamericanas. 

Como era de esperar a Federación Rusa, e todo indica que co apoio de China, vai a dar contestación a este reforzamento a Zelenski polos dos Estados Unidos, aumentado o seu exército até 1.500.000 efectivos, adicando máis recursos á defensa e acelerando o proceso de modernización das forzas armadas. Todo fai pensar que estes obxectivos iran acompañado por un maior esforzo militar durante o inverno pra completar a toma dos territorios anexados e crear unha zona desmilitarizada que sirva de colchón. Ademais, con seguridade, ante a aceleración da ruptura en bloques, China, Rusia e outras potencias aceleraran a substitución do dólar por outras moedas pra o intercambio comercial e investimentos, e farán o propio co sistema SWIFT. En poucas palabras, malia que non o pretendan, ante o empurrón de Estados Unidos, non lles queda máis saída que reforzar ao máximo a política de alianzas en todos os ámbitos. Que importante sería que se erguese unha terceira alternativa? Que así fose permitiría un certo equilibrio e que a ruptura non sexa total. Ese papel debeuno xogar a UE, mais hoxe é un proxecto ferido... Ou foino sempre?

Te puede interesar