Opinión

Vacinas e conflito entre potencias

A pandemia do covid-19 está a deixar en evidencia as contradicións do capitalismo. A globalización neoliberal ábrese camiño a costa do aumento da desigualdade entre clases sociais e entre nacións, e os grandes avances científico técnicos poden chegar a todos e todas mais ampliando as distancias na escala de valor. Daquela que se esquecesen rapidamente as promesas de traballo en común e solidariedade contra un virus, que expresaba a fraxilidade da humanidade, mesmo daquela que reside nas nacións e potencias aliadas dos Estados Unidos. Axiña xurdiron as disputas, mesmo dentro da UE, por polos respiradores, mascaras, roupa apropiada pra os sanitarios, etc.

Porén, sen dúbida, o mais preocupante é todo o teatro que está acontecendo arredor do subministro das vacinas, xa que reflicte con toda crueza que a mentira e o cinismo instalouse non só no conflito entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes, senón tamén no debate político e nas relacións de moitos governos coa sociedade. O que acontece nas eleccións de Madrid non é máis que unha triste reprodución da liorta entre Trump e Biden, onde as formas substitúen os contidos e a agresividade os argumentos. Non todas as organizacións e governos axen deste xeito, mais esta semella ser a tendencia en ascenso.

Un caso da agudización da confrontación témola na confrontación por situarse na vangarda dos avances científico técnicos, polo que isto representa no eido económico e militar, e como valor conceptual no subconsciente colectivo. Un enfrontamento onde se utilizan todos os recursos, dende as sancións até as fake news. Vexase o caso Huawei. Aínda que onde máis se está a notar é na produción e fornecemento de vacinas, de tal xeito que a súa distribución reflexa o mapa xeopolítico cunha notábel precisión, mesmo debuxando a postura intermedia que manteñen países como India, México, Turquía, Arxentina,... e algún da Unión Europea como Hungría.

Que a UE se blindase fronte ás vacinas rusas e chinas, malia a falta de doses durante os pasados meses, utilizando todo tipo de escusas, reflexa até que punto mantén unha postura subordinada aos Estados Unidos, mesmo nunha cuestión tan grave como a pandemia. Iso non significa unha ruptura comercial en todos os ámbitos con China e Rusia, mais si a decisión de reducila no futuro e facela exclusivamente funcional aos intereses das potencias occidentais en aspectos que se consideran centrais, como por exemplo a rede 5G e as vacinas. Non se cuestiona a globalización.

Mais esta recuperación da guerra fría non implica que non haxa disputas no interno en ambos bloques. É o caso respecto da vacina de Astra-Zeneca, na que todo indica que está compañía primou os envíos ao Reino Unido fronte á UE, malia os inxentes recursos públicos que recibiu desta última pra realizar as investigacións, dando folgos a unha ruptura que vai rematar nos tribunais. En todo caso, chama a atención (tendo en consideración que os especialistas din que esta vacina é eficaz e segura), que moitos dos estados da UE non a estea a utilizar ou só o faga con determinado segmento de idade. E o que resulta máis difícil de entender, pra os profanos no tema, é que se subministre a primeira dose, que foi a cuestionada, aos que teñen entre 60-70 anos, e non se vacine coa segunda aos que recibiron a primeira. Até que punto prima, tamén neste caso, a loita por ocupar un lugar de privilexio no pelotón comandado por Washington e as puxas polo Brexit?

Se nas situacións máis estremas a solidariedade se condiciona entre aliados, e dá lugar a duras disputas: por que van resultar estrañas as sancións e intervencións militares contra os que pretenden exercer a soberanía cando a confrontación é consubstancial co capitalismo, máxime nesta etapa de globalización neoliberal?...

Te puede interesar