Opinión

O valor das comunicacións entre Galiza e Portugal

O anuncio do Governo de Portugal de construír unha nova liña ferroviaria entre Porto e Vigo na vindeira década, dentro do proxecto de modernización do país luso, cun orzamento durante ese período de 43 mil millóns de euros, ten unha enorme relevancia pra Galiza. Cómpre lembrar que Portugal é o noso terceiro socio comercial, só por detrás do Estado español e Francia. Concretamente no ano 2019 exportamos por valor de 3.192 millóns de euros e importamos 1.815 millóns, ou sexa: Portugal xéranos emprego neto, e cos outros dous estados nomeados temos un balanzo negativo. Daquela que, pra alén das razóns históricas e culturais (e turísticas) que nos unen, hai motivos económicos pra mellorar as comunicacións que en materia ferroviaria son primitivas, e todo indica que non é algo casual. 

As vías de comunicación son fundamentais pra manter un equilibrio territorial no económico e demográfico, xa que alentan o desenvolvemento. E no futuro terá un papel destacado o ferrocarril tanto no transporte de persoas como de mercadorías, polo aforro de enerxía, baixa contaminación, e redución do custe. Daquela que teña tanta importancia a modernización da vía Porto-Vigo, e dende esta cidade conectar co resto de Galiza, mellorando e ampliando a rede interna galega, por exemplo, a de Vigo a Ourense, e Lugo Ourense, ou construíndo unha liña que ligue a Costa da Morte coa Coruña. Hai proxectos que levan pendentes máis dun século ou décadas, semella que os únicos que avanzan son os que reforzan a centralidade de Madrid, e a nosa dependencia. 

A este respecto Alexandra Fernández e Luís Bará, destacaban nunha rolda de prensa co gallo do anuncio da modernización da liña Porto-Vigo, que hoxe era: “dramática a situación ferroviaria, xa que resulta inconcibíbel en Europa que dúas grandes cidades como Porto e Vigo non conten cunha boa conexión”. Denunciaban as/os deputados do BNG o boicot sistemático ao desenvolvemento do eixo atlántico, tal como se evidencia coa pésima conexión existente arestora con Portugal. “A día de hoxe o traxecto por tren de Vigo a Porto é unha viaxe ao pasado, con trens reciclados e cunha única frecuencia diaria, que impide facer a viaxe de ida e volta no mesmo día". 

Concretaban as propostas sobre este tema, que definen moi ben as necesidades do momento actual, tendo en consideración os retos futuros da mobilidade (económicos, sanitarios e ecolóxicos). Definían catro eixos fundamentais: mellora do ferrocarril convencional como obxecto principal dos investimentos e a creación do ferrocarril de proximidade; a demanda da transferencia da xestión ferroviaria a Galiza e a creación do Galtren; así como a prioridade da conexión de alta velocidade con Porto e unha aposta decidida polo transporte de mercadorías a través dos camiños de ferro. 

A primeira fase da construción da vía Porto-Vigo sería a de Braga a Vigo, un traxecto que unha vez rematada a liña faríase en 35 minutos. Braga e Porto xa están hoxe unidos por un tren convencional. Unha vez feita a nova liña o tempo pra realizar o traxecto pasaría de 2 horas e media a 55 minutos. A mellora da liña Porto-Lisboa reduciría o tempo empregado a unha hora e 15 minutos. Isto significaría que dende Vigo a viaxe a Lisboa faríase en pouco máis de dúas horas conectando Galiza con dos grandes centros urbanos. Lisboa ten na súa área metropolitana 2,9 millóns de persoas e na de Porto viven 1,157 millóns. Daquela a importancia da liña de alta velocidade de Ourense a Vigo, xa que implicaría non só un enlace rápido coa costa galega senón con Portugal (tamén no futuro unha liña de ferrocarril e/ou autovía que una Ourense e Braga-Porto?). Que mellor oportunidade que o “proceso de recuperación” pra poñer en práctica un salto cualitativo, contando cos fondos europeos. É o momento!

Te puede interesar