Opinión

Viqueira, patria e socialismo

Co gallo da celebración do Día da Patria Galega, nun xantar realizado o 24 de xullo pola Irmandade Galega de Bos Aires no Centro Ourensán, cunha asistencia moi numerosa e receptiva, Bieito Cupeiro, dirixente da Irmandade, presentou o libro “Xohán Vicente Viqueira: Vida, persoalidade, pensamento”. Na súa intervención puxo de releve a contribución intelectual e patriótica de Viqueira. Foi un acto no que participei, xa que daquela estaba integrado activamente na Irmandade Galega, da que era secretario. Os textos que se recollen no libro (de 60 páxinas) son unha escolma realizada por Luis Veiga do Campo. A publicación fíxose por iniciativa dunha morea de sociedades, agrupacións e coros galegos de Bos Aires. 

O papel sobranceiro de Viqueira era moi recoñecido nas Irmandades da Fala. No número 136 d’A Nosa Terra, voceiro daquela das Irmandades, do 15 de marzo de 1921, afirmábase: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as columnas do movemento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servizo: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”. Viqueira morreu con 37 anos, en 1924, mais o seu nome estaría presente en repetidas ocasións como unha referencia do nacionalismo da época, tal como se reflicte en publicacións como A Nosa Terra ou no Guieiro.

Ademais destacou pola vinculación que fixo entre nacionalismo e socialismo, un tema que segue a ser de actualidade nunha sociedade na que a clase traballadora é unha ampla maioría, mais a desigualdade social e explotación laboral non deixa de medrar, malia os grandes avances científico técnicos. Daquela Galiza era eminentemente rural, con formas precapitalistas de autoconsumo cuantitativamente maioritarias, aínda que o capitalismo xa fose hexemónico no ámbito do poder, o que amosa o avanzado da súa reflexión tanto no aspecto nacional como social.

Viqueira ve entre nacionalismo e socialismo unha interdependencia, e non olla futuro pras nacións que non fagan da xustiza social parte da loita pola soberanía. Ten un gran valor que chegue a estas conclusións, pra alén de que utilizase concepcións marxistas ou non, que non o facía. Respecto da soberanía no apartado do libro que ten como título Pensamentos, propón a autonomía integral pra Galiza, e concreta leis sociais que considera urxentes en relación cos labregos, obreiros, retiro de vellez, etc. O importante dos seus textos é que dá un papel fundamental á igualdade social, aos problemas cotiás da xente.

A súa postura non representaba as ideas hexemónicas nas Irmandades da Fala, que eran moi plurais ideoloxicamente, polo que as propostas sociais e a folla de ruta dependeron do momento político. Mais, convén lembrar que xa antes da Asemblea Nacionalista de Lugo, un importante sector do tradicionalismo afastouse das Irmandades, polo que o Manifesto de 1918 tivo un claro carácter progresista. E aínda que o debate continuou, tanto no plano nacional como no social, entre a dereita e a esquerda do galeguismo, a tendencia progresista ficou consolidada como hexemónica. 

Viqueira hai un século defendía a construción de poder popular pra liberación nacional e social do povo galego, polo que debería ter un maior protagonismo como referente do movemento nacional popular galego e na historia do nacionalismo. Deste xeito o fixo a Irmandade Galega de Bos Aires, na década dos sesenta e setenta unha etapa moi marcada pola liña da Asociación Nacionalista Pondal, nun contexto favorábel aos procesos de liberación nacional e á clase traballadora. Dinos Viqueira: “Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo. E máis: o segundo é probablemente un aspeito do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideial”.

Te puede interesar