Opinión

Xogando co país en “segunda división”


Mais unha vez a nación galega está a xogar na segunda división, o cal amosa o grao de dependencia. Neste caso trátase do reparto territorial pra o ano 2023 dos orzamentos do Estado español. Así o manifestaba o deputado do BNG, Nestor Rego, valorando as intervencións e o debate no Congreso en Madrid: “Galiza estivo ausente na intervención do presidente do Governo español, sendo que abordou medidas pra atallar a deriva inflacionaria e as súas consecuencias, anunciando proxectos industriais punteiros, plans de vivendas e infraestruturas con localizacións concretas noutros puntos do Estado ou PERTEs que moverán millares de millóns e dos que o noso País, infelizmente, vaise beneficiar máis ben pouco”. 

Toda diminución na parte que nos corresponda do investimento público, polo noso peso demográfico, e o atraso secular na construción de obras de infraestrutura por parte do Estado español, resulta ademais dun paso atrás unha nova manifestación de subordinación política, unha ofensa. Como se repartan os recursos especialmente o dirixidos á dinamizar a economía (como os Next Generation), non é unha cuestión puntual, tampouco secundaria. Máxime cando os actuais orzamentos danse nun contexto de crise de modelo e de reconfiguración da estrutura produtiva en todo o mundo e moi especificamente na Unión Europea, xa que as sancións á Federación Rusa rachan en boa medida a cadea de valor das últimas décadas. 

Ficamos nun intre moi complexo e delicado, no que se xoga o futuro de cada nacionalidade, estado e rexión do mundo. Por iso non é entendíbel, e nada lóxico, que se aumente o gasto en defensa en 3 mil millóns de euros pra o ano 2023, priorizando a lei do máis forte. Daquela a oposición dalgúns partidos que se reivindican de esquerdas, menos dos que era de esperar, deixan en evidencia a participación efectiva do Estado español na guerra da Ucraína, aínda que se faga pola porta de atrás (ademais hai máis partidas noutros ministerios co mesmo obxectivo). Un tema tan importante reflicte que nos temas estratéxicos non hai tanta diferenza entre o PSOE e PP.

O deputado do BNG tamén chamaba a atención respecto de dous aspectos non menos importantes, aao argumentar respecto a súa abstención nos orzamentos de 2023: “Unha abstención, é claro, que está en consonancia coa desatención do Goberno español polos problemas da Galiza e que se reflicte, por exemplo, en orzamentos inxustamente baixos -como o de 2021, o máis baixo en 17 anos- e cun 67% de execución -mentres en Madrid foi de 184%, case o duplo do orzamentado- ou no desinterese por cumprir a totalidade -non só algunhas medidas, mesmo que sexan importantes- do Acordo de investidura” (en referencia ao pacto entre o PSOE e BNG). 

Existe unha dinámica nos sucesivos governos do Estado español, e unha actitude seguidista na Xunta de Galiza, que aposta ou consinte que a tendencia principal siga sendo a centralización do poder e da riqueza. Algo que resulta evidente xa que malia a caída da ditadura, e os avances do Estado das Autonomías, as tendencias negativas pra o povo galego seguen sendo as dominantes (vexase a evolución demográfica, o papel da nosa economía na cadea de valor, a emigración, o saldo negativo no investimento de capital,..).

Neste contexto, pra alén do bos que sexan os acordos co Governo, en moitos casos logo non se cumpren ou faise parcialmente, e outro tanto pasa coas cantidades adxudicadas nos orzamentos... Por responsabilidade da Xunta e/ou do Governo central? Porque Madrid gasta moito máis do que lle foi adxudicado?... En poucas palabras: cando se rema contra corrente do que se trata é de maximizar a presión, o grao de compromiso de todos os/as deputados galegos/as en Madrid ou en Bruxelas,... da mobilización dos partidos e organizacións de base, así como da actitude do empresariado... 

Te puede interesar