Opinión

Xornadas e salarios dignos

Coido que non é casual que a patronal faga tanto fincapé en que falta mau de obra, obviando que existen na Galiza máis de 130 mil persoas desempregadas, moitas máis que non están rexistradas e unha morea no subemprego, e que ignoren a emigración masiva da mocidade, máxime tendo en conta a baixa natalidade. Nalgúns casos recoñecen que existe unha alta taxa de paro, mais seica non serían as persoas que necesitan as empresas, ben por falta de cualificación, ben porque terían máis de 55 anos... Aínda que esquecen dar como unha das razóns principais os baixos salarios, xornadas moi pequenas e/ou contratacións moi limitadas no tempo. Ou sexa, só se presenta unha cara da moeda, a de optimizar o lucro, esquecendo calquera obrigación coa sociedade e con aquelas persoas que viven no país (naceran ou non nel). É verdade que non todas as empresas axen deste xeito, mais esta é a tendencia dominante. 

Nalgúns casos recoñecen que existe unha alta taxa de paro, mais seica non serían as persoas que necesitan as empresas, ben por falta de cualificación, ben porque terían máis de 55 anos...

Neste intre cunha inflación tan forte, malia que baixase nos últimos meses, o mal está feito pola caída dos ingresos salariais por mor do aumento dos prezos nos produtos e servizos máis esenciais (alimentos, vivenda, transporte, enerxía...). A Xunta de Galiza debería matizar todas as caras desta problemática, e apostar por solucións que garantan ingresos e contratos dignos, dando así unha resposta que evite a emigración forzada, o drama da pobreza e o constante medre da desigualdade. Segundo un informe do Fondo Monetario Internacional (FMI) respecto da eurozona no que vai de ano, cunha inflación media do 7% este ano, debeuse sobre todo a un aumento do 3,6% dos lucros empresariais, a un 2,2% dos salarios e no 1,4% ás importacións, cunha redución de -0,2% debido ás rebaixas fiscais. 

Agora ben, este estudo do FMI, que non é precisamente un organismo próximo ás teses de esquerda, confirma a perda do poder adquisitivo dos salarios, o aumento da desigualdade e precariedade, e unha forte concentración dos beneficios no capital, esencialmente nas grandes corporacións. Polo tanto o aumento dos prezos (a inflación) é produto esencialmente do medre dos beneficios empresariais. É un dato que non se pode obviar, e que dá unha xustificación máis as grandes mobilizacións da clase traballadora pedindo melloras salariais nos convenios colectivos. 

A Xunta de Galiza debería matizar todas as caras desta problemática, e apostar por solucións que garantan ingresos e contratos dignos, dando así unha resposta que evite a emigración forzada, o drama da pobreza e o constante medre da desigualdade

Sen dúbida, unha das pretensións destas campañas de “falta de mau de obra” é fomentar a chegada de inmigrantes pra aumentar a mau de obra de reserva, e fragmentar a acción reivindicativa da clase traballadora. Neste aspecto é fundamental lograr a regulación de todos/as as inmigrantes pra evitar que se vexan obrigados a aceptar condicións de traballo degradantes, apostar decididamente por un comercio xusto cos países que teñen un papel subalterno pra evitar a inmigración forzada, e regular o fluxo migratorio. Xa que, pra alén das boas intencións, non se pode obviar, ao tratar este tema, que un 46% das familias inmigrantes que residen no Estado español (ano 2020) viven por debaixo da liña de pobreza. 

En poucas palabras, que no esencial o problema na nación galega non está na falta de mau de obra senón do tipo de oferta (tal como indica a evolución demográfica)

Outro aspecto que non se pode esquecer, cando se fala de falta de mau de obra, é que os salarios galegos son máis baixos que a media do Estado español, que malia termos unha balanza comercial positiva, as empresas residentes na Galiza invisten moitas veces máis capital no exterior que o que entra no país, co que isto implica como traba na dinámica produtiva e na xeración de emprego. En poucas palabras, que no esencial o problema na nación galega non está na falta de mau de obra senón do tipo de oferta (tal como indica a evolución demográfica). Cando os postos que non se cubren é, agás situacións moi conxunturais, porque non cumpren os mínimos requisitos. A solución son salarios e xornadas dignas, e como resultado: aumentará o consumo e teremos un desenvolvemento máis xusto e forte. 

Te puede interesar