Opinión

Adeus bloque, adeus

Escrebo con coñecemento de causa. Coincidín na clandestinidade co que logo sería o Bloque Nacionalista Galego. No Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), estabamos a Unión do Povo Galego; o Partido Socialista Galego; o PGSD, socialdemócratas nacionalistas; o Movemento Comunista de Galicia, e mailo Partido Carlista.

Foi unha experiencai imborrable coñecer a Paco Rodríguez, Beiras, Fontenla, Suso Veiga, Luis Mariño, Suevos… A todos uníanos o amor a Galicia, o conseguir un pacto federal. Ben. Mais a UPG que capitaneaba Paco Rodríguez quería ser quen cortara o bacallau. Sobor de todo, co PSG de Beiras, máis flexible, tiñan uns encontronazos que propiciaron que Beiras deixara de participar nas nosas xuntas clandestinas, sendo sustituido por Álvarez Gándara e posteriormente por Luis Mariño. Tamén acudía, antes de pasarse ao PSOE, Xosé Luis Rodríguez Pardo. Con el e con Suso Veiga fumos xa en 1973 a unha xuntanza no Eurobuilding de Madrid (“autorizada” por Martín Vila), a que faltaron o PGSD e a UPG logo de que quedaran en asistir. Foi unha ausencia antisolidaria a unha reunión na que estivemos todos os grupos políticos das Españas. Elí coñecín a Enrique Mújica, Marcelino Camacho, Trevijano…

Non se desculparon pola súa ausencia, pois Paco Rodríguez (“o Coronel”, como lle chamaban algúns), non considerou apropiado que a UPG participara naquela xuntanza tan importante, da que sairía un documento que lle pedía a Suárez unha democracia sen exclusións. Ao final, na Santa Transición non se fixo así, pois algúns quedamos fóra dos primeiros comicios da nova democracia reformista. Non puidemos participar neles nin a ORT nin o Partido Carlista, a pesares de que nós presentáramos uns estatutos que logo das eleccións nos deron por bos. Mais o mal estaba feito, que de legalizarnos a tempo teriamos sacado algún deputado e senador nun parlamento no que entraron case tódolos grupos políticos.

Pois ben, agora o BNG queda fóra das institucións. Logo de ir perdendo votos dende que marchou un Beiras que ata dialogara con Fraga, amosando un talante que non lle perdonou a UPG. Porque o BNG (a UPG), endaxamais foi solidario. Tiña toda a razón o profesor Vázquez Monxardín cando nestas mesmas páxinas escribiu que “a UPG (o Bloque), considerábanse o Opus Dei do nacionalismo”. Xa que logo, engado eu, somentes eles teñen a patente nacionalista.

Presentáronse aos comicios do 20D como Nós. Pero se Nós foron os guieiros dos que amamos Galicia! E eran xente de dereitas, non marxistas nin comunistas. Recordo unha xuntanza do CFPG na que, cando alguén dixo que ía chegar Santiago Álvarez, daquela secretario do PCG, Paco Rodríguez dixo: “Os únicos comunistas galegos somos nós”. Pois daquelas augas estes lodos. Inda que Xavier Vence apareza co sorriso, depende dos adoctrinados e disciplinados militantes que dirixe dende a sombra “o Coronel” Paco Rodríguez. Adeus Bloque, adeus.

Te puede interesar